O Concello de Ribadeo anunciou a través dun comunicado de prensa que buscará financiamento “con outras Administracións” para as obras de mellora da estrada dos Garitos, paralela á vía de Feve, diante da “falta de apoio” da Xunta de Galicia. O rexedor ribadense, Fernando Suárez Barcia, lembra que o Concello ten listo o proxecto, que contempla un investimento de 360.000 euros nese vieiro, e tamén as autorizacións pertinentes.
“Estamos en disposición de poder licitar eses traballos, pero para iso hai que ter os cartos”, expuxo Suárez Barcia, que aludiu aos acordos unánimes aprobados no Pleno requiríndolle á Xunta a firma dun convenio para o financiamento desa obra, que ata o momento non chegou.
O alcalde ribadense dixo que “agora que imos cara ao final do ano é bo recordar unha circunstancia chamativa coa necesidade que ten o Concello de Ribadeo de amañar un vial que está sendo moi utilizado polo tráfico pesado, que quere saír sobre todo das parroquias do interior, e que sae por este vial paralelo á vía do Feve, e que desde hai moito tempo está nunha situación lamentable, o cal foi desde hai anos foco de controversia nas diferentes corporacións municipais, ata o acordo que tivemos todos, en febreiro deste ano, de pedirlle axuda á Xunta de Galicia”, lembrou.
SEN RESPOSTA DESDE XANEIRO
“Para iso daquela aprobáramos unha moción, que ademais era do Partido Popular, onde pedían ensanche, pavimentación, construción de beirarrúas e a colocación de alumeado, e entre todos os grupos da corporación acordamos pedirlle axuda á Xunta de Galicia xa que, a través do voceiro popular local de Ribadeo, dixo que iso era pan comido e que ía haber axuda si ou si. O caso é que aquilo foi en febreiro; en xuño dirixímonos novamente á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e en xullo tivemos un novo pleno no que acordamos, tamén de maneira unánime, reiterar a petición dado que o tempo pasaba e non poderiamos cumprir os criterios que nos esixía o PP de Ribadeo se non tiñamos o financiamento axeitado”, sinalou Suárez Barcia.
TRÁFICO PESADO E PEÓNS CONVIVEN NA ESTRADA
O rexedor explicou que “durante todo ese tempo redactamos un proxecto, que ciframos en 360.000 euros, conseguimos as autorizacións pertinentes, tanto de Feve como unhas cesións que os colindantes debían facer, e polo tanto estamos en disposición de licitar a obra; o que pasa é que para iso necesitamos o máis importante que son os cartos, e vexo que o ano se acaba e que na Xunta unha cousa é predicar, como digo moitas veces, e outra cousa é dar trigo, e aquí ninguén chama ao Concello de Ribadeo para dicirnos se nos van dar algo, se non nos van dar nada ou se nos van dar unha migalla”.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “en todo caso, a partir de agora imos iniciar contactos con outras Administracións para ver se son sensibles cos problemas de Ribadeo, como é o tráfico de mercancías pesadas nun vial que é moi perigoso polo estado de conservación, porque non poden convivir os peóns que poidan pasar por aí andando cos vehículos de gran tonelaxe”, precisou.