En Marea esixe á Xunta de Galicia que busque unha solución para tres traballadores da empresa Arriva que fican sen traballo ao non ser subrogados cara a Unión Temporal de Empresas (UTE) Morán e Autocares Rodríguez.
A deputada do partido instrumental no Parlamento galego, Paula Vázquez Verao, resalta que a situación destes obreiros é “moi precaria, a piques de quedar sen ingresos”.
Os traballadores mantéñense á espera de que a empresa cumpra cos pregos de adxudicación e os contrate ou ben os despida formalmente. Esta situación débese, afirma Vázquez Verao, “ás presas coas que a Xunta de Galicia quitou a concurso a concesión de transporte XG533 (Viveiro – Ribadeo)”.
os obreiros están á espera de que a ute cumpra cos pregos de adxudicación ou ben os despida formalmente
Segundo expón En Marea, conforme ás concesións autonómicas de transporte colectivo de viaxeiros, que datan de agosto do 2017, tres operarios da firma Arriva -saínte da concesión- tiñan que ser subrogados á UTE.
A Xunta comprometerase daquela, indica Vázquez Verao, a garantir os postos de traballo das persoas despedidas en agosto.
SENTENZAS A FAVOR
En Marea lembra que estes traballadores seguen sen emprego, en idades que dificultan a reinserción laboral. Dous deles teñen unha sentenza a favor, que a UTE Morán-Rodríguez non cumpriu e recurriu. Outro dos operarios está pendente de xuízo.
a xunta resicindiu por incumprimento o contrato coa adxudicataria do servizo viveiro-ribadeo
No pasado mes de agosto, a Xunta rescindiu o contrato coa UTE de transporte da Mariña, ao incumprir a adxudicataria cláusulas da concesión e ao non acatar as sentenzas xudiciais.
A XUNTA “NON SEGUIU” OS CASOS
Con todo, o partido instrumental critica que a Xunta “non fixo seguimento dos casos” e subliña que estas persoas “agardan a que as sentenzas se confirmen en instancias superiores mentres esgotan as súas prestacións”.
en marea alerta de que os operarios están a esgotar as súas prestacións mentres segue a batalla xudicial coa empresa
PARLAMENTO
Vázquez Verao preguntará no Parlamento de Galicia se a Xunta coñece a situación destes traballadores e que medidas pensa tomar o Goberno galego para solucionar o seu problema.
A representante do partido instrumental tamén urxe ao Executivo autonómico a obrigar ás empresas -mediante a inserción de cláusulas adicionais nos contratos- a que, no caso de subrogacións e mentres non se solucione a contenda xudicial, asuman a contratación dos traballadores de xeito provisional.