Un home resultou ferido de gravidade e foi evacuado en ambulancia ao Hospital Público da Mariña despois de que o coche que conducía se precipitase por un terraplén no Vicedo.
O accidente aconteceu no lugar de Suaigrexa sobre as 14.00 horas deste xoves, segundo confirmaron fontes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia. Foi unha persoa particular quen deu aviso do sinistro.
O turismo caeu por un terraplén duns catro metros de altura. Foi preciso que os Bombeiros de Viveiro utilizasen o material de excarceramento para liberar o home.
O 112 Galicia deu aviso a 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil do Vicedo.