IniciosociedadeFeijóo anuncia en Burela a próxima licitación por 15 millóns da segunda...

Feijóo anuncia en Burela a próxima licitación por 15 millóns da segunda fase de ampliación do Hospital

Construirase un novo edificio anexo para mantemento, prevención de riscos e o salón de actos; reformarase "case a totalidade" do edificio vello e áreas como pediatría e críticos

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou este venres o Hospital Público da Mariña, onde anunciou a próxima licitación por 15 millóns de euros da segunda fase de ampliación e remodelación do centro hospitalario da comarca, trala finalización da primeira fase, na que se investiron máis de 13 millóns de euros e que supuxo a ampliación dun 54% da superficie das instalacións.

O responsable do Goberno autonómico, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, do responsable da área sanitaria, Ramón Ares, e da directora do hospital, María José Cortés Canay, precisou que a Fase 2 permitirá a construción dun novo edificio anexo de dúas plantas, cunha superficie suficiente para albergar o servizo de mantemento, a unidade de prevención de riscos laborais e o salón de actos e dependencias de docencia.

Por outra banda, levarase a cabo tamén a reforma doutras áreas do edificio actual, como as de pediatría e críticos, a área policlínica e consultas externas, saúde mental ou rehabilitación.

Feijóo afirmou que a licitación producirase en canto entren en vigor os orzamentos de 2021, para así poder iniciar a obra en canto o proxecto estea entregado ao Sergas.

A ÁREA DE SAÚDE MENTAL, NO CENTRO DE SAÚDE DE BURELA, TRASLADARÍASE AO HOSPITAL

Ares asegurou que o proxecto contempla “a reforma de case a totalidade do edificio antigo, o que supón unha actuación sobre 7.893 metros cadrados”.

Na planta baixa ubicaranse unha zona de laboratorios de diagnose, cun novos espazos para anatomía patolóxica, análise clínica e microbioloxía, e outros servizos de apoio, como un almacén de subministros. A nova área policlínica, concretou, “vainos permitir que a unidade de saúde mental, que está integrada no centro de saúde, se traslade ao Hospital, o que vai mellorar moito a atención polas interconsultas e pola presenza dos propios psiquiatras no centro hospitalario. Ademais, isto suporía liberar o ambulatorio de Burela, que agora mesmo está moi acotado”, sinalou.

“Imos gañar en 555 metros cadrados en consultas e gabinetes de exploración, tamén ter maior dotación para hospitalización a domicilio e coidados paliativos, e redistribuír áreas como admisión e traballo social”, precisou.

PEDIATRÍA CONTARÍA CUN ÚNICO ESPAZO DE 582 METROS CADRADOS

Ademais, “unha vez quitemos o laboratorio ubicado entre urxencias e radiodiagnose, vainos permitir medrar nestas dúas áreas, e no caso de radiodiagnose permitiranos ter espazo para mellorar a tecnoloxía”, salientou.

Na segunda planta vaise concentrar toda pediatría, cun único espazo de 582 metros cadrados, tanto estándar como a unidade de neonatos, aumentar no bloque cirúrxico a área de cirurxía maior ambulatoria e “mellorar as circulacións deste bloque, que é unha das materias pendentes”.

Na terceira planta, xunto coas unidades de hospitalización, quedarían as habitacións de médicos de garda e a capela. As actuacións realizaranse en varias fases “para ter un Hospital Público da Mariña totalmente novo e reformado”, finalizou Ares.

A FASE 1 PERMITIU GAÑAR “9.500 METROS DE SUPERFICIE” E CAPACIDADE DE HOSPITALIZACIÓN “NUN 11,5%”

“A reforma do Hospital da Mariña está en plena faena”, dixo, lembrando que a Fase 1, cun investimento total de máis de 13 millóns, xa está rematada. Desde o 2018, o hospital conta cun novo edificio anexo ao actual, no que se trasladaron o hospital de día, diversas consultas externas, a zona de hospitalización e a farmacia; ademais dun novo edificio de aparcadoiro de dúas alturas, cun heliporto na súa cuberta.

Así mesmo, na segunda parte da Fase 1: finalizouse a renovación de máis de 1.000 metros cadrados de hospitalización, que posibilita acoller 28 habitacións individuais e incrementar a capacidade de hospitalización un 11,5%; na planta baixa actuouse na área de diálise, extracción e administración; e levouse a cabo a mellora da iluminación e de envolventes térmicas.

“En definitiva, con esta Fase 1 rematada, o Hospital conta xa con preto de 9.500 metros cadrados máis de superficie a pleno rendemento, un 54% máis do que xa tiña”, dixo, referíndose a unha achega de preto de dous millóns de euros para a adquisición de equipamento de diagnóstico e tratamento.

Feijóo concluíu destacando que os veciños da Mariña que dependen deste Hospital están vendo como se está facendo realidade practicamente “un novo complexo: con 28 camas máis que en 2009, aténdense 6.000 consultas máis nun ano que entón, realízanse 260 intervencións cirúrxicas máis e o tempo de espera cirúrxica baixou a 43 días”, explicou.

Ao longo dos últimos anos, desde a concepción do proxecto, sindicatos, oposición e plataformas de usuarios criticaron que a ampliación do centro hospitalario de Burela non conlevaba novos servizos, e resaltaron que as derivacións a Lugo por distintos servizos son unha constante.

PIDE NON DECLARAR DE NOVO O ESTADO DE ALARMA POLA COVID-19

No tocante ás restriccións adoptadas pola Xunta nos últimos días ante a suba de casos de Covid-19 e as que se contemplan no conxunto do Estado, Núñez Feijóo insistiu en que está a favor de limitar tanto de día como de noite as actividades económicas ou a mobilidade, sempre en función duns criterios homoxéneos no conxunto de España e onde a situación epidemiolóxica o requira. Así, reclamou de novo unha lei específica de saúde para loitar contra a pandemia e que habilite ás comunidades autónomas a dispoñer estas medidas.

“Se volvemos activar outra vez o estado de alarma, estariamos dando unha mensaxe de que España é un dos países con peor xestión da pandemia do mundo”, considerou, engadindo que “hai que arranxar as cousas na casa e non chamar a atención da comunidade internacional”.

Sobre o Consello Interterritorial de Saúde celebrado onte xoves, no que se acordaron algúns criterios comúns, Núñez Feijóo valorou o “acordo xenérico que pode facilitar a toma de decisións”. Argumentou que se non houbo pacto sobre o toque de queda é porque medidas así “non se improvisan”, xa que impoñer un estado de alarma e un toque de queda xeneralizado é “unha decisión dunha enorme transcendencia non só sanitaria, senón económica e social”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...