A Xunta de Galicia localizou as comunicacións de nacemento da pintora vangardista Maruja Mallo (1902 – 1995) e do xornalista e político galeguista Ramón Vilar Ponte (1881 – 1936). O achado produciuse durante os traballos de clasificación e ordenación do arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Viveiro (Lugo), municipio do que procedían.
Ambos os documentos xa foron trasladados ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo para a súa conservación e posta a disposición da cidadanía, segundo informa o Goberno galego a través dun comunicado.
Tal e como explica a Xunta, a comunicación de nacemento era “un documento necesario” para a inscrición no Rexistro Civil dos nenos e nenas que acababan de nacer. Aínda que estas facíanse inicialmente nos concellos, a partir da lei provisional do Rexistro Civil de 1870 -vixente ata 1957- pasaron aos xulgados. Le a información completa no Galicia Confidencial.