A corporación de Mondoñedo aprobará no pleno do vindeiro venres, 30 de outubro, derrogar o imposto de plusvalía, despois de que se esta medida fose acordada por unanimidade na mesa de traballo creada con motivo da Covid-19. O Concello afirma nun comunicado de prensa que, no actual contexto de crise sanitaria e económica, “é o momento de baixar taxas e pensar nas persoas”, accedendo agora a unha petición que denegou con anterioridade á pandemia á oposición mindoniense.
A finais de novembro do 2019, tanto PSdeG como BNG amosáronse en contra deste imposto, que recadara daquela 70.000 euros, 64.000 máis do previsto nos orzamentos do exercicio. En decembro, o executivo municipal fixo valer a súa maioría absoluta para manter a taxa, que grava o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.
Segundo a nota do executivo municipal, outros dous asuntos de contido económico forman parte da orde do día do pleno do venres. Por un lado, unha proposta de aprobación inicial da suspensión da vixencia da ordenanza de cobro das taxas polo uso privativo do aparcadoiro do centro comercial Peña de Francia.
“Con esta medida, aplicable aos titulares dos negocios alí instalados, preténdese que teñan máis facilidades e, ao mesmo tempo, liberar espazos no entorno da praza de abastos“, expón o goberno popular, que “quere dar así tamén máis faos clientes, aos veciños que acoden a mercar a este centro comercial, así como aos negocios ubicados en Peña de Francia e Lence Santar“.
Por outra parte, o pleno debaterá unha moción do grupo municipal do PP para instar ao Goberno a que ingrese as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio de 2017 como consecuencia da implantación do subministro inmediato de información.