O Concello de Cervo confirmou este venres que se detectaron outros 21 positivos de coronavirus de maiores na residencia de San Cibrao, o que eleva a cifra de usuarios contaxiados a alomenos 24. Tamén se documentaron cinco novos casos entre o persoal, para un total de sete traballadoras infectadas.
Desde o goberno local, titular do xeriátrico, que xestiona Mensajeros de La Paz, concretan que “hai dúas persoas ingresadas no hospital por precaución, cuxo estado a día de hoxe non reviste gravidade; e o resto dos casos positivos son asintomáticos”.
“Estableceuse unha planta exclusivamente para residentes contaxiados de coronavirus, unha segunda planta de usuarios positivos e negativos pero que estiveron en contacto directo; e unha terceira planta na que están os usuarios que non teñen Covid-19 a día de hoxe”, explican desde o executivo municipal, que incide no “seguimento rigoroso de todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias”.
Os datos de infectados nos xeriátricos da provincia son os seguintes, segundo a última actualización do Sergas:
MAIORES
20 Residencia San Cibrao (Cervo) (foron confirmados catro máis en horas posteriores)
13 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)
24 Residencia Domusvi Bóveda
4 Residencia San Vicente de Paúl (Lugo)
TRABALLADORES
1 Residencia de maiores de Burela
1 Residencia Castro Ribeiras do Lea (Castro de Rei)
1 Residencia DomusVi Chantada
3 Residencia San Cibrao (Cervo) (foron localizados catro máis en horas posteriores)
1 Residencia Albertia Lugo
1 Residencia Orpea Lugo (Lugo)
1 Residencia San Rafael (Mondoñedo)
1 Residencia DomusVi Monforte (Monforte de Lemos)
1 Residencia Hogar San José (Monforte de Lemos)
5 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)
1 Residencia Meu Fogar (Taboada)
1 Residencia DomusVi Viveiro
17 Residencia Domusvi Bóveda
2 Residencia San Vicente de Paúl (Lugo)
50 POSITIVOS NOVOS NA PROVINCIA PARA 801 CASOS
O número de casos activos de coronavirus na provincia ascende a 801, segundo o reconto ofrecido polo Sergas. Son 19 infectados máis ca onte. De acordo coa mesma fonte, nas últimas 24 horas localizáronse 50 novos positivos. Nese mesmo período producíronse dous falecementos, o dunha muller ingresada no HULA, de 89 anos, e o doutra hospitalizada no Polusa, de 80 anos.
Dos 801 contaxiados, 37 permanecen ingresados. O HULA atende 27, entre eles os dous lucenses que requiren coidados intensivos. O Hospital Público da Mariña coida dous pacientes Covid-19, por seis o centro hospitalario de Monforte.
No histórico da provincia documéntanse 95 falecementos, 3.297 altas e 4.192 casos acumulados desde o inicio da pandemia.
VIVEIRO SEGUE EN ALERTA 2, CON 29 POSITIVOS TOTAIS; BURELA BAIXA AO AVISO 1
No tocante á situación epidemiolóxica por municipio, Viveiro segue en alerta 2, con entre 14 e 21 positivos localizados nos últimos sete días. Segundo concretou a alcaldesa, María Loureiro, o total de casos no concello ascende a 29.
“Neste momento, considérase que non hai ningún novo gromo e que a situación está controlada, xa que os últimos positivos forman parte de gromos detectados e confinados anteriormente, polo que o risco de transmisión é menor. Está previsto que o número de afectados no municipio descenda nos próximos días, tendo en conta que se van producir algunhas altas médicas entre os afectados”, salientou Loureiro, que con todo apelou “á responsabilidade individual da veciñanza para cumprir restricións e medidas”, preocupando “os cemiterios con motivo das festividades de Todos os Santos e Defuntos“.
Burela, pola súa banda, baixa a un nivel 1 de advertencia, no que se mantén Foz, ambos con entre 7 e 14 positivos localizados nos últimos sete días. Ribadeo permanece nunha situación epidemiolóxica correcta, con menos de sete casos novos nunha semana, ao igual que o resto dos municipios da Mariña Lucense.
CENTROS EDUCATIVOS
Non hai casos novos nos centros educativos da bisbarra. Os confirmados son os seguintes:
BURELA CEIP Plurilingüe Vista Alegre 3
FOZ CEIP Fondo Nois 1
VIVEIRO CEIP de Celeiro 1
VIVEIRO CEP Luís Tobío 2
VIVEIRO CPR Plurilingüe Landro 1
XOVE IES Illa de Sarón 1
GALICIA SUPERA OS 8.000 CASOS E OS 900 FALECIDOS
Os contaxios por Covid-19 aumentaron en Galicia tras detectarse 696 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, o que supón a cifra máis elevada en toda a pandemia na Comunidade galega, deles 185 na área de Vigo.
Os casos activos superan este venres os 8.000 ao elevarse a 8.363, o que supón 433 máis que este xoves. Salvo na área sanitaria de Ourense, onde baixan os casos ata os 1.394 –13 menos–, aumentan en todas as demais.
Á cabeza a de Vigo, con 1.758 casos activos, o que implica 134 máis que este xoves; 1.432 na da Coruña —74 máis–; 1.322 na de Santiago e Barbanza –71 máis–; Pontevedra e O Salnés conta con 899, un total de 61 máis; Lugo ten 801 –19 máis– e Ferrol sitúase con 757 –87 máis–. Ata a data curáronse en Galicia 26.537 persoas, o que implica 267 máis que as contabilizadas este xoves e realizáronse 672.435 PCR fronte ás 663.251 rexistradas ata a xornada pasada. En canto ás persoas falecidas con Covid-19 sitúanse en 902, tras notificar este xoves pola tarde Sanidade 13 falecementos na Comunidade galega, a cifra máis alta nunha xornada da segunda onda.