A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou este luns a través dun comunicado de prensa que, malia que as autoridades sanitarias e o Sergas chamaron a unha vacinación antigripal masiva da poboación, “moitos centros de saúde non dispoñen das doses suficientes para vacinar a todas as persoas que teñen citadas, e mesmo teñen que volver á casa sen poñer” o fármaco.
“Este feito está a producir malestar e incluso indignación entre a veciñanza, pois atópanse con que non hai vacinas suficientes a pesar de que estamos no inicio da campaña de vacinación”, criticou o colectivo.
Segundo expón a plataforma, “o problema radica nas vacinas para menores de 65 anos, e casualmente neste rango de idade está a aumentar moito a demanda, en resposta á campaña mediática feita polo goberno da Xunta para evitar solapamentos entre os picos de gripe e os brotes de covid-19 e desconxestionar así os hospitais e centros de saúde”.
O COLECTIVO REXEITA A “CULPABILIZACIÓN” DO PERSOAL
Desde a Plataforma Sanitaria esixen aos responsables sanitarios “que se deixen de culpabilizar e criminalizar unha vez máis ao persoal sanitario e doten de todas as doses de vacinas que se precisen nos centros, para asegurar que toda a poboación que o desexe ou precise sexa vacinada. O persoal, tanto sanitario como administrativo, está a facer un inmenso traballo de asistencia, rastrexo e seguimento de casos sumado a toda actividade que xa ten que realizar habitualmente”, argumenta a voceira do colectivo, Montse Porteiro.
Neste sentido, Porteiro manifestou que “as declaracións feitas desde a Consellería de Sanidade culpabilizando e acusando ao persoal de mala xestión son inadmisibles e compre que o Goberno da Xunta asuma as súas responsabilidades e deixe de culpabilizar ao persoal da súa propia incompetencia”.