A Deputación Provincial de Lugo informou a última hora da tarde deste martes do positivo por coronavirus dunha traballadora da residencia de Trabada, obreira da entidade adxudicataria de prestacións no centro de maiores, Mensajeros de la Paz.
O goberno provincial emitiu un comunicado no que resalta que, “dende o momento no que a persoa traballadora lle comunicou á directora do mencionado centro que deu positivo, a Deputación de Lugo aplicou o protocolo de actuación urxente, que consiste na realización, mañá mesmo, dun cribado masivo con proba PCR a todos os traballadores e usuarios do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Trabada”.
“Co obxectivo de ser máis áxil e minimizar o posible impacto da Covid-19, a Deputación de Lugo decidiu externalizar a realización das probas PCR para obter os resultados nun prazo de menos de doce horas, tendo en conta que utilizando os procedementos ordinarios o tempo podería superar as 48 horas. En todo caso, o goberno provincial seguirá as indicacións e as probas pautadas polas autoridades sanitarias competentes na materia, seguindo coa colaboración que mantén dende o inicio da pandemia“, indica a nota.
O EXECUTIVO PROVINCIAL SINALA QUE A PROCEDENCIA DO CONTAXIO “ESTÁ LOCALIZADA”
No comunicado, a Deputación resalta que “a persoa traballadora que deu positivo por Covid-19 non estivo en contacto coa comunidade do CAM de Trabada dende hai cinco días, momento no que foi coñecedora de ser contacto directo con outra persoa traballadora da residencia de maiores de San Cibrao que resultou positiva. Polo tanto, está localizada a procedencia do contaxio e a obreira do centro de Trabada permanece illada do resto dos traballadores e dos usuarios”, salienta, para engadir que “así mesmo, os usuarios e as usuarias do CAM de Trabada fixeron unha proba PCR a semana pasada, resultando todas negativas“.