EFE. A cuarta edición de Acampa pola paz na Coruña mostra desde este venres o “Espolio” dos recursos naturais en centos de comunidades pero tamén expón un caso máis próximo, o das plantas de Alcoa, tanto a antiga fábrica da cidade herculina como na Mariña lucense, que “están feridas de morte e por causas do todo alleas á súa produtividade ou á calidade do seu produto”.
A loita dos seus traballadores estes últimos anos exporase da man das fotógrafas Vanessa Casteleiro e Sandra García Rei para abordar o actual “espolio do potencial industrial” por parte da multinacional estadounidense, informan fontes de Acampa.
‘Espolio’, esta exposición urbana de gran formato, poderá tamén visitarse de maneira virtual a través da web www.redeacampa.org ou da plataforma www.peopleartfactory.com.
“O espolio non é algo que só se produza en países pobres ou afastados. Queremos tamén reflexionar sobre o que está a ocorrer moi preto de nós. A avaricia das multinacionais, a perversión do sistema capitalista, está a esquilmar o potencial industrial da comunidade galega”, explican desde Acampa.
Ademais, a mostra urbana, que se poderá ver desde o 12 de novembro e ata o 14 de decembro, aborda a deforestación da Amazonía, a extracción do coltán no Congo, o xade en Colombia ou o petróleo no delta do Níger.
Con cinco meses de atraso pola aparición da covid-19, un grupo de fotoperiodistas mostran a obra na que documentaron “o abuso sobre os recursos e os seus propietarios naturais en distintas partes do mundo”.
Segundo o coordinador da rede Acampa, Xosé Abad, “espolio é a palabra que mellor define o sistema económico que rexe o noso modo de vida” e que “xera millóns de desprazamentos forzosos”, polo que esta organización quere “levantar a súa voz” para defender o dereito a refuxio por espolio.
OITO TEMÁTICAS ARREDOR DO MUNDO
A oscense Judith Prat aborda a escravitude do século XXI, a extracción minera do coltán na República Democrática do Congo; o arxentino Pablo Ernesto Piovano presta a súa mirada sobre o dano xerado polo agronegocio nas comunidades arxentinas debido ao uso do herbicida glifosato durante décadas; e o nixeriano Akintunde Akinleye trata a extracción de ouro negro das súas terras.
A realidade da Amazonía chega da man do fotógrafo documental Víctor Moriyama, Clara Belchior e dunha mostra colectiva organizada polo CIMI (Conselho Indigenista Missionário); Javier Corso trae á Dársena coruñesa as explotacións mineras de xade en Colombia e Luís de Veiga traslada ao visitante ao pobo saharaui.