Nove tripulantes do Siempre Antares dos once que permanecían confinados no barco deron positivo nas probas de coronavirus, segundo concretaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). As outras dúas PCR realizadas resultaron negativas. Tres dos mariñeiros permanecen ingresados -un deles no HULA, dous no Hospital Público da Mariña– con prognóstico “estable”.
Un dos traballadores do barco, con base no porto de Celeiro, tivo que ser rescatado en alta mar en helicóptero, despois de que padecese unha insuficiencia respiratoria. O buque volvía de faenar no caladoiro de Gran Sol. Foi evacuado ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde faleceu.
Por outra banda, dous barcos de arrastre de litoral que teñen a base no mesmo peirao e traballan en parella, Nuevo Socio e Bautista Pino, solicitaron as PCR despois de que un dos mariñeiros padecese un catarro. As tripulacións, cun total de 18 obreiros -nove por buque- permaneceron illados no porto ata coñecer os resultados das probas, negativas nos 18 casos.