Ramón González Rey/EFE. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deixou claro hoxe que o Goberno galego “non contempla ningunha posibilidade” para o complexo industrial de San Cibrao que “non sexa manter aberta Alcoa producindo aluminio primario”.
“Imos seguir traballando con ese obxectivo, que A Mariña lucense teña unha fábrica de aluminio primario”, engadiu o presidente da Xunta, horas antes da reunión da mesa multilateral de Alcoa, que se celebrará este luns ás 18.00 horas, por vía telemática.
Fontes da multinacional, pola súa banda, confirmaron a última hora que si estarán na mesa multilateral.
Segundo Feijóo, a Xunta traballa para unha “transición pacífica, de común acordo e digna para Alcoa e para o futuro comprador”, porque “España necesita aluminio primario e o único lugar no que se fai é A Mariña lucense”.
En canto ao futuro da planta, recorda que “o auto do TSXG é moi claro”, porque apagar as cubas na planta de San Cibrao, como pretende a multinacional americana, suporía “o peche definitivo” da fábrica de aluminio.
O RESPONSABLE DO GOBERNO AUTONÓMICO CRE QUE A SENTENZA SOBRE O ERE “SERÁ CLAVE”
O presidente da Xunta de Galicia espera que “na primeira semana de decembro” se coñeza tamén a sentenza en relación co Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar a multinacional norteamericana e que podería deixar na rúa a 524 traballadores da fábrica, ademais de a outros 400 obreiros da industria auxiliar.
“Esa sentenza vai ser clave“, opina Feijóo, quen en todo caso espera “boas novas” desde o ámbito xudicial.
“Nós esperamos de Alcoa que actúe con coherencia, de acordo co TSXG, e que actúe de boa fe, para transferir a propiedade” da fábrica “a unha compañía que estea disposta a operala”.
“O Goberno central, a Xunta de Galicia e o comité empresa estamos traballando” para iso, dixo Feijóo, quen confirmou que “a semana pasada” produciuse un “contacto” con “directivos de Alcoa” nese sentido.
“Creo que Alcoa ten unha oportunidade para saír sen causar máis problemas dos que xa temos e entregar a compañía a alguén que estea disposto a operala”, insistiu, porque “se non lle interesa un negocio, o lóxico é que lle pase a substitución a outros que si lles interesa, para manter os postos de traballo”.