InicioDeportesO Burela FS volve de Murcia sen puntos malia xogar de ti...

O Burela FS volve de Murcia sen puntos malia xogar de ti a ti ante El Pozo (2-1)

Os detalles condenaron ao Pescados Rubén, que deu primeiro por medio de Pitero pero encaixou os tantos dos locais nun saque de esquina e ao contraataque

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS estivo preto de dar a sorpresa na pista dun dos grandes do fútbol sala español, El Pozo Murcia (2-1). Un contragolpe do cadro local con porteiro xogador, que finalizou no gol do triunfo murciano, foi chave para desequilibrar un partido igualado e no que os discípulos de Juanma Marrube deron primeiro.

Empezou moi ben o equipo galego sorprendendo a ElPozo no minuto 3. Giasson gañou a pelexa polo balón na banda e serviullo a Pitero, ao bordo da área, que se desfixo de Juanjo. O pau evitou o que podía ser o segundo dos laranxas pouco despois. A mellor dos de Giustozzi, que non acababan de atoparse cómodos, chegou no minuto 8, cun lanzamento de Leo Santana que sacou Ismael na liña de meta.

Pediu o adestrador local máis agresividade en posesión, aínda que o Pescados Rubén non llo puxo nada doado, manténdose fiel á súa filosofía de loita, buscando a rede rival. Paradynski conseguiu a igualada a cinco para o descanso, cazando un rexeitamento do pau desde saque de esquina. A estratexia a punto estivo de dar o segundo para os galegos no último minuto, na consonancia entre Renato e Matamoros, con remate de Javi Rodríguez que se foi por pouco.

SEGUNDO ACTO

Pitero avisou pola banda na continuación fronte a un rival máis intenso, freando a elaboración e a saída de presión dos galegos. O canteirán tivo outra ocasión de ouro no 29, en carreira, cunha aparición providencial de Juanjo. Optou Juanma Marrube por xogo de cinco con Matamoros para cambiar o ritmo e poder saír de cancha propia; con todo foi ElPozo o que aproveitou a súa primeira oportunidade para adiantarse con Paradynski, de novo, en roubo de Leo Santana. Edu freou a arremetida de Alberto García no 33 para manter o marcador sen moverse e continuou Burela no seu empeño de atopar algo positivo na súa aposta por porteiro-xogador, aínda que non apareceron os espazos necesarios.

FICHA TÉCNICA

ElPozo Murcia Costa Cálida: Juanjo, Valerio, Marcel, Matteus, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Miguelín, Leo Santana, Fernando, Cholo Salas, Ismael, Alberto García.

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Álex Diz, Lucho, Quintela, Eto’o.

Goles: 0-1, minuto 3, Pitero; 1-1, minuto 15, Paradynski; 2-1, minuto 29, Paradynski.

Árbitros: Delgado Sastre // Rabadán Sainz. Por Murcia amarela a Leo Santana (minuto 16), Cholo Salas (minuto 19). Por Burela amarela a Matamoros (minuto 4), Javi Rodríguez (minuto 7).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Primeira División Masculina disputado no Palacio dos Deportes de Murcia.

O SÁBADO, DOBRE SESIÓN DE FÚTBOL SALA NA TARDE LARANXA

A semana dos pupilos de Juanma Marrube pecharase na casa, o sábado, coa visita de Jaén Paraíso Interior (20.30 horas), na xornada 11. Para abrir a Tarde Laranxa con dobre sesión en Vista Alegre, as ‘Guerreiras’ mediranse ao Sala Zaragoza (16.30 horas) na xornada 6.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...