IniciosociedadeOs alcaldes de Viveiro e Burela solicitan levantar as restricións e a...

Os alcaldes de Viveiro e Burela solicitan levantar as restricións e a Xunta promete “estudalo”

Llano pide dispoñer alomenos dun horario reducido para a hostalería e Loureiro reclama o alivio da normativa "sen esperar a decembro"; o comité clínico reunirase mañá venres

Publicada o

- Advertisement -

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, comprometeuse ante os alcaldes dos municipios de Burela e Viveiro, que permanecen confinados perimetralmente e coa hostalería pechada desde o pasado 6 de novembro, a estudar a petición dos rexedores de que se levanten estas restricións sen agardar ao mes de decembro, data posta en principio polo Executivo autonómico para aliviar estas medidas. O comité clínico reunirase mañá venres a fin de abordar o resultado da normativa e abordar posibles cambios.

41 POSITIVOS EN BURELA

Os rexedores da Mariña foron citados xunto aos alcaldes de Lugo, Monforte e Chantada polo conselleiro para unha reunión telemática “informativa”, segundo expuxo Llano. O rexedor burelao concretou que no municipio, que permanece en alerta vermella, “temos 41 casos, moitos máis con respecto á semana pasada, pero son debidos aos 17 tripulantes contaxiados do barco que chegou a porto, máis a outros seis casos vinculados a unha unidade do 061. Hai outros están a punto de cumprir a corentena, polo que penso que en pouco tempo podemos pasar ao nivel amarelo, unha situación que penso que permitiría pensar en aplicar outra normativa”, argumentou.

“A XENTE MÓVESE AO PORTO, AO HOSPITAL, ENTRAN E SAEN D DE BURELA MÁIS DE 1.500 PERSOAS A DIARIO”

Os alcaldes “coincidimos, unha vez escoitados os datos, en que hai que buscar un método que permita equilibrar a seguridade sanitaria e a actividade económica. Estamos confinados, perimetrados, e non serve de nada, porque entran e saen máis de 1.500 persoas todos os días, polo porto, polo hospital. É imposible controlar isto, polo que sería bo eliminar a restrición á mobilidade”, expuxo Llano. “Temos un exemplo do brote do pasado verán, con 177 casos activos e moitos confinados, e tiñamos actividade socioeconómica”, lembrou.

“A XENTE PIDE CAFÉS PARA CONSUMIR NOS PARQUES E PRAZAS, LEVAMOS AS TERRAZAS Á RÚA”, APUNTA

O rexedor Burelao tamén fixo a “proposta” de “buscar un xeito para que a hostalería e a restauración tivesen un horario longo, cun traballo regulamentario, para producir actividade e gañancia. Un exemplo pode ser comezar ás oito da mañá e rematar as seis da tarde, é unha posibilidade. Porque agora vaise pedir o café aos bares para tomalo fóra, nas prazas ou parques, pero o que estamos a facer é trasladar as terrazas e os interiores dos bares á rúa, e acumular aí xente”, xulgou.

VIVEIRO TEN 35 CASOS, 19 MENOS QUE A SEMANA PASADA

Por outra banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, afirmou que “a evolución da pandemia é boa no concello, con 35 casos activos a día de hoxe, 19 menos que a semana pasada“.

Con respecto á taxa de incidencia, é de 84 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días e de 193 positivos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. “Un dos baremos do comité clínico da Xunta para poñer en marcha restricións nun concello é o de superar o umbral dos 125 casos por 100.000 habitantes”, concretou.

LOUREIRO PIDE AO CONSELLEIRO “QUE NON ESPERE A DECEMBRO” PARA ALIVIAR AS MEDIDAS

“Tendo en conta a evolución en Viveiro, soliciteille á Xunta que estude a nosa situación e, de ser posible, non espere ata o 4 de decembro para levantar as restricións agora vixentes”, precisou Loureiro.
A Xunta comprometeuse a analizar os casos no comité clínico “e está pendente tamén doutro dato importante, como é o da presión hospitalaria na comarca. A día de hoxe, hai dez persoas ingresadas por coronavirus no Hospital da Mariña“, concretou Loureiro, que agradeceu “o esforzo da veciñanza, fundamental na mellora dos datos”, e pediu responsabilidade “dado que polo momento seguen vixentes todas as medidas e restricións aprobadas pola Xunta”.

O PP CRITICA A LLANO POR ELUDIR UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL COMPROMETIDA

O PP de Burela denuncia que o alcalde “faltou ao compromiso” acadado este pasado martes na xunta de portavoces, dado que na dita reunión rectificou a súa “absurda” negativa a facer unha declaración institucional, conxunta co resto de grupos da corporación, tal e como lle pediu o Partido Popular, para solicitar a apertura de Burela. “É un rexedor sen palabra”, denunciou a formación conservadora, que censurou que “as axudas municipais para os autónomos e as empresas de Burela, un novo fracaso da xestión do socialista”, destacan.

TOMÉ CARGA CONTRA O CONSELLEIRO: “MANIPULA OS DATOS”

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, o tamén socialista José Tomé, amosouse moi duro co conselleiro de Sanidade despois de que suxerise que en Lugo aumentaron os contaxios da Covid-19 porque non se seguen as normas. “Penso que resulta evidente que se alguén merece un tirón de orellas é o conselleiro (Comesaña), por desviar responsabilidades, pola manipulación datos e por tratar de xeito distinto ao concellos segundo quen goberne. Hai unha discriminación clara: en listados de afectados en proxección de 100.000 habitantes hai municipios do PP que tendo datos superiores a outros non se pechan. Utilízanse criterios clínicos de expertos manipulándoos en beneficio propio”, argumentou.

PIDE INFORMACIÓN SOBRE PCR REALIZADAS POR MUNICIPIO

Deste xeito, pediu que se concreten as PCR realizadas por municipio e o porcentaxe de negativos e de positivos. “Non se é trasparente; danse datos atrasados e que non son completos. Non son tan relevantes os contaxios que se confirman como as probas que se fan, e cantas delas dan resultado de Covid-19. Os cidadáns non se merecen isto. Os alcaldes, polo menos os socialistas, non saben cal é a situación concreta do seu concello, e para que estean informados só fai falta vontade política”, finalizou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...