O Concello de Mondoñedo e a Asociación de Produtores de Faba Verdina de Galicia presentaron nun acto celebrado no salón de plenos do consistorio a segunda edición das Xornadas Gastronómicas da Faba Verdina, que terán lugar os días 20, 21 e 22 de novembro.
Nelas participan un total de once locais de hostalería da localidade. A faba verdina voltará a ser a protagonista das tapas servidas en Mondoñedo, de xeito que o público poida desfrutar deste alimento “gourmet” e comprobar a súa versatilidade na cociña.
Os locais participantes son: Bar Amencer, A Bodeguiña, Bar Castro, Bodegón da Catedral, A Cova, Restaurante Padornelo, O Petisco, O Porriño, O Rincón, Viñoteca Segundo (Centro Social) e A Tasca.
“UN ANO DECISIVO”
Segundo exponen desde a agrupación, “este ano está resultando decisivo para o proxecto, cunha colleita de gran calidade e a consecución definitiva da marca Faba Verdina de Galicia, que distinguirá e certificará a orixe galega desta legume no mercado.
No mesmo acto presentouse o Receitario de Verdina que recolle os pratos elaborados polos restaurantes e bares de Mondoñedo na edición 2019 das xornadas, nunha edición que ten como obxetivo “animar ó consumo de verdina” e que se suma ao resto de accións de promoción postas en marcha en torno ao distintivo.