IniciosociedadeA Deputación asegura que estuda demandar a SAE por "inxurias" sobre a...

A Deputación asegura que estuda demandar a SAE por “inxurias” sobre a residencia de Trabada

O goberno provincial asegura que o persoal "cumpre as ratios", nega un "déficit de atención" aos usuarios e destaca "os rigorosos protolocos de prevención" do centro de maiores

Publicada o

- Advertisement -

A Deputación Provincial de Lugo respondeu este venres, a través dun comunicado de prensa, ás acusacións formuladas polo Sindicato de Auxiliares de Enfermería (SAE), que anunciou a presentación de senllas denuncias ante Inspección de Traballo por “serias deficiencias” nas residencias de Cervo e Trabada, sendo a segunda xestionada polo goberno provincial. A central cargou contra Mensajeros de la Paz, concesionaria do centro de maiores de San Cibrao e que presta servizos no xeriátrico trabadense, criticando as quendas “caóticas” da empresa e a “falla de persoal”, considerando “evidente” que “está fallando a avaliación de riscos e a planificación de medidas preventivas”.

O goberno provincial censurou a “falsidade” e “extrema gravidade das acusacións” nun momento no que “hai vidas de persoas en xogo e as familias están preocupadas”, e afirmou que analizará “coa asesoría xurídica” a posibilidade de emprender “unha demanda” por “inxurias“.

A Deputación lembrou en principio que os casos da residencia de maiores de Cervo e do xeriátrico de Trabada son “completamente distintos”, dado que o segundo é de xestión pública, tendo Mensajeros de la Paz un contrato administrativo de servizos, mentres que en Cervo “xestiona integralmente” o centro de maiores.

No tocante á denuncia sobre a “escaseza” de persoal, o executivo provincial asegura que o centro de maiores de Trabada “non só cumpre en todo momento coas ratios marcadas pola Xunta, senón que está sempre moi por enriba das obrigas legais establecidas”. Deste xeito, nega que houbese “un déficit na atención“, unha afirmación que no Pazo de San Marcos consideran “falsa” e “de extrema gravidade”, o que “as familias poden comprobar pois a política é de total transparencia”.

CAMBIOS DE QUENDA

No relativo aos cambios de quenda, “prodúcense, de maneira puntual, polas necesidades marcadas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia. Aplicamos rigorosos protocolos de prevención en función dos que calquera persoa traballadora, no caso de ter a mínima sospeita de ter estado en contacto cun positivo ou de poder ser positivo, ten prohibida a entrada ao centro de traballo. Esta situación supón que, de maneira puntual, e con moi pouco tempo de antelación, sexa necesario tomar decisións que implican alteracións do cadro de persoal, incluso no mesmo día e de carácter inmediato“, argumenta a Deputación.

“Cada traballador que se incorpora despois de descansos prolongados ou por primeira vez debe facelo cunha PCR negativa. Debido á presión sanitaria que está a sufrir a comarca da Mariña, nalgunhas ocasións ocorre que o persoal que se incorpora non pode acceder ao seu posto de traballo por non ter os resultados ou a proba feita, algo que dende logo non depende da Deputación”, engade o goberno provincial.

RETRIBUCIÓNS

En materia de retribucións do persoal de Mensajeros de la Paz, a Deputación alega que fixo “controis” pero que “nunca puido constatar que non se cumpra co establecido no convenio colectivo”.

Finalmente, sobre as medidas preventivas, sinala o goberno provincial que “desde finais do mes de febreiro, o centro de atención a maiores de Trabada puxo a disposición de todo o persoal os Equipos de Protección Individual (EPIs) establecidos nos protocolos de contención do virus. En ningún momento ou circunstancia faltou a ningunha persoa ningún EPI”, conclúe, lembrando que o pasado 4 de novembro, ante o positivo dunha traballadora, “fíxose en menos de doce horas un cribado masivo a toda a comunidade do centro, sendo os resultados todos negativos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...