O PSOE anunciou a través dun comunicado de prensa que defenderá na Comisión de Industria, Turismo e Comercio do próximo mércores, día 25, unha moción pola que insta ao Goberno central a “continuar cos seus esforzos dirixidos a evitar o peche” da planta de aluminio de San Cibrao por parte da empresa Alcoa.
Na exposición de motivos da moción, o seu promotor, o senador por Lugo, César Mogo, critica “a inflexibilidade mostrada pola empresa” tanto na negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) como do proceso de venda, con ofertas formuladas pola siderúrxica británica Liberty House como da propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). A negativa da multinacional, “inédita no noso país”, demostra a xuízo dos socialistas “unha clamorosa insensibilidade” coa situación na que quedarán os traballadores e as súas familias, con 524 despedimentos previstos na factoría e outros 400 na industria auxiliar.
O comportamento de Alcoa amosa “unha manifesta indiferenza cara a unha comarca que lle reportou durante 22 anos, un enorme capital humano, así como as mellores condicións para desenvolver a súa actividade produtiva”. Ademais, engade, “demostrou o seu desprezo cara ao esforzo despregado nestes anos polas Administracións que lle reportou axudas de centos de millóns de euros en recursos públicos“.
MOGO CARGA CONTRA A EMPRESA: “O SEU OBXECTIVO É BOTAR AOS TRABALLADORES”
Así mesmo, fai fincapé en que a multinacional estadounidense “puido manter a produción e non o fixo”, ou “vender a un grupo solvente, e impediuno”. “Está claro”, agrega, “que o seu obxectivo é deixar no desemprego aos traballadores levando á comarca a unha grave situación”, polo que a actitude de Alcoa “é allea ás boas prácticas e sen atisbo de responsabilidade social”.
Deste xeito, os socialistas defenderán esta iniciativa na Comisión de Industria, Turismo e Comercio, na que instan ao Goberno á adopción das seguintes medidas: en primeiro lugar, a “manter o seu apoio aos traballadores e os seus representantes que se mobilizaron lexitimamente, reclamando o mantemento da produción e dos postos de traballo, para tratar de conseguir unha saída que manteña a produción da planta na Mariña”; en segundo lugar, a que esixa á dirección da empresa Alcoa que, de inmediato, “retire o despedimento colectivo que puxo en marcha e reinicie as negociacións que poidan conducir á venda desta factoría estratéxica de maneira que manteña a súa actividade”.
En terceiro lugar, a que (o Executivo central) “leve a cabo, en coordinación coa Xunta de Galicia, os esforzos que sexan necesarios, mantendo a súa actual colaboración, para retomar as negociacións e evitar o peche da planta”; e, para rematar, “facer un estudo pormenorizado sobre o destino e a xestión das axudas públicas recibidas por Alcoa desde 2011, así como deixar en suspenso as axudas correspondentes ao 2020 entendendo que deberían ser incompatibles co anuncio da empresa de pechar a planta”.
O CONFLITO LABORAL PARECE ABOCADO Á VÍA XUDICIAL
Non se inclúe polo tanto na moción socialista, que insiste nunha solución negociada ao conflito descartada en principio por Alcoa na mesa multilateral, reclamar ao Executivo central que execute a intervención pública ou expropiación das instalacións se a empresa teima en non vender, tal e como piden os traballadores.
O conflito laboral parece seguir abocado á vía xudicial, pendente de resolver o recurso presentado por Alcoa contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que lle impide parar as cubas, e a poucos días do 3 de decembro, data na que se celebrará o xuízo polo despedimento colectivo.