IniciosociedadeA reforma do Ceip de Cervo permite aforrar "máis dun 80%" en...

A reforma do Ceip de Cervo permite aforrar “máis dun 80%” en consumo enerxético e emisións de CO2

As obras constaron cun investimento de case un millón, nun centro fundado no 1983

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia anunciou a través dun comunicado de prensa que as obras de rehabilitación integral executadas no CEIP de Cervo supoñen un aforro do 84,6% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 87,6% en emisións de CO2, segundo destacou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao colexio.

Arias lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou 943.380 euros a estas obras, que foron licitadas e adxudicadas o ano pasado e que figuran entre actuacións promovidas pola Xunta en centros educativos da provincia de Lugo con cargo ao superávit de 2018. As obras desataron polémica no inicio do pasado curso polo seu atraso, ao estar previsto o seu remate para setembro e pretender a Consellería de Educación comezar as aulas mentres continuaban as actuacións no centro, o que supuxo protestas por parte das familias, que durante semanas non levaron os pequenos ao centro educativo.

MELLORA DAS ENVOLVENTES, SUBSTITUCIÓN DAS FIESTRAS E DAS LUMINARIAS POR EQUIPOS LED

Para mellorar a eficiencia enerxética levouse a cabo a renovación das envolventes do edificio, colocando panel sándwich e illamento na cuberta e illando tamén a fachada polo exterior mediante sistema SATE. Así mesmo, substituíronse as fiestras por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo; cambiáronse as persianas para evitar pontes térmicos a través delas; instalouse un novo sistema de xeración de calor mediante caldeiras de biomasa e mudáronse as luminarias por equipos LED, de menor consumo, con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns.

O proxecto incluíu outras actuacións complementarias, como a instalación dun ascensor de oito prazas para garantir que todo o recinto escolar sexa un espazo accesible, tanto no interior como no exterior. Tamén se substituíron as varandas dalgunhas escadas do colexio para reforzar a seguridade, fíxose unha reforma integral dos aseos, procedeuse ao acondicionamento e pintado de paramentos verticais, renovouse toda a instalación eléctrica e construíronse falsos teitos en distintas zonas, como aulas, biblioteca, comedor e áreas de administración e de profesorado.

Arias asegurou que no actual contexto económico e sanitario “os recursos destinados a modernizar as instalacións educativas seguen a ser unha prioridade para a Xunta, que continúa planificando grandes obras de rehabilitación integral e tamén outras actuacións de menor envergadura pero esenciais para dar resposta ás necesidades detectadas en cada centro”.

Pola súa banda, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, que visitou o centro xunto a Arias, a edil de Educación, Dolores García Caramés, o director do centro, Manuel Martínez, e a Xefa Territorial de Educación, Mariña Gueimunde, agradeceulle á Administración autonómica “a súa resposta inmediata ás demandas municipais, priorizando esta actuación en Cervo entre máis de 1.000 centros de ensinanza de toda a comunidade”.

VISITA AO CEIP CASELLES ROLLÁN

Arias visitou tamén o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove para comprobar o resultado das obras de rehabilitación enerxética do centro, nas que a Administración galega investiu 670.150 euros, acompañado do alcalde, o popular Demetrio Salgueiro.

Visita ao Ceip Caselles Rollán. AXM

Segundo destacou Arias, os traballos de mellora suporán un aforro enerxético anual do 35,2% en consumo de enerxía primaria e do 38 % en emisións de CO2.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...