O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 1.085, 17 menos ca na anterior actualización, segundo o reconto ofrecido este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nun prazo de 24 horas antes do peche de datos, ás 18.00 horas de onte, confirmáronse un total de 48 positivos novos por PCR.
Dos 1.085 contaxiados, 38 permanecen ingresados, cinco menos ca onte. No Hospital da Mariña, que atende seis pacientes con Covid-19, déronse dúas altas. O HULA coida de 27 persoas infectadas, entre elas as sete da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos. Cinco doentes están hospitalizados en Monforte.
OS POSITIVOS INGRESADOS EN BURELA BAIXAN A SEIS
No histórico da pandemia documéntanse 119 falecementos, o último o dunha muller ingresada en Monforte, 4.872 altas e 6.076 contaxiados. Fixéronse 100.060 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 673 probas.
SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA
No tocante á situación epidemiolóxica, Viveiro conta 15 positivos confirmados nos últimos 14 días, por 40 de Burela. En Foz localizáronse 29 infeccións novas en dúas semanas. Cervo contabiliza 15 nese mesmo prazo, por dez de Xove e outros tantos de Ribadeo. Ourol, Riotorto e O Vicedo seguen libres de Covid-19, mentres que con entre un e nove casos novos sitúanse O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, Trabada e A Pontenova.
A REXEDORA VIVEIRENSE PIDE “QUE NON SE PRODUZA UN RETROCESO”
Con respecto a Viveiro, a alcaldesa, María Loureiro, sinalou tras unha reunión coa Consellería de Sanidade que o municipio ten 20 casos activos no total e unha taxa de incidencia de 90,52 positivos por 100.000 habitantes, cunha soa infección en sete días. “O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, e o secretario xeral de Sanidade, Alberto Fuentes, comentáronme que con toda probabilidade mañá (na reunión do comité clínico) decidirase levantar as restricións de nivel 1 no concello”, expuxo a rexedora.
Viveiro volvería así ao nivel 2, que se aplica en toda Galicia -agás arredor de 60 municipios- desde o pasado 20 de outubro.
“Explicouse, ademais, que o comité clínico xa valorou na reunión que mantivo o pasado martes a posibilidade de levantar as restriccións a Viveiro, pero decidiu finalmente esperar dous días máis”, concretou Loureiro.
O Concello, ante o posible levantamento das restricións, “quere facer fincapé na necesidade de seguir nesta liña, respectando e cumprindo as medidas establecidas en cada momento porque é a terceira vez que o Concello de Viveiro sufre as medidas máis duras destas restriccións e de todos e todas depende que non se produza un retroceso que obrigaría a un novo peche. Agradécese a todos os veciños o grande esforzo realizado, de aí os resultados obtidos, e insístese na necesidade de non baixar a garda, tendo en conta que nos atopamos ás portas dunha ponte festiva e das festas do Nadal“, engadiu.
BURELA CONTA CON 37 POSITIVOS
No tocante a Burela, conta con 37 positivos a nivel global. O concello seguirá co seu peche perimetral e coa hostalería cerrada uns días máis debido á incidencia acumulada de contaxios por covid-19, superior aos 250 positivos por 100.000 habitantes.
O rexedor burelao, Alfredo Llano, precisou que a taxa de incidencia acumulada é por agora “alta” no municipio, aínda que tamén valorou que a cifra de 37 contaxiados podería baixar significativamente de recibir a alta tralas PCR que se están a realizar os tripulantes do Adviento Uno, que conta con doce mariñeiros residentes en Burela, máis outras doce persoas que pasaron o período establecido de corentena. “Quedaría unha situación optimista e esperamos que a semana que vén poidamos abrir; eu soliciteino formalmente” á Consellería de Sanidade e “espero que haxa un pronunciamento en firme”, expuxo.