O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo este venres unha xuntanza con representantes de Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, para falar da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Os 370.000 euros que aparecen nos orzamentos do Goberno autonómico de 2021 van destinados á realización das obras complementarias, que serán licitadas no primeiro trimestre do vindeiro ano. Durante 2021 será licitado tamén o proxecto executivo, concretou o rexedor. A empresa adxudicataria disporá de catro a seis meses para telo listo e despois terá que ser revisado pola Administración competente.
Deste xeito, e aínda que a construción da EDAR, segundo as contas o Executivo galego, se podería licitar cara finais de 2021, os traballos non darán comezo ata ben entrado o 2022, de aí que non apareza consignación nos orzamentos da Xunta do vindeiro ano. Así o expuxo o rexedor.
EN 2023 CULMINA O TEMPO PARA REMATALA
O rexedor explicou que “non aparecen nada máis que 370.000 euros no orzamento da Xunta de Galicia para o ano que vén, destinados á EDAR, pero me explicaron que hai dous proxectos diferenciados. Un deles é a propia construción e outro é a obra complementaria dos colectores e da cantidade de canalizacións que hai que facer. O que figura no orzamento é esta última e, en principio, xa se vai licitar no primeiro trimestre aproximadamente do ano que vén, e polo tanto por iso figura ese orzamento”, concretou.
Por outro lado, “a EDAR é outro proxecto diferenciado que agora mesmo está na fase de licitación e a empresa vai redactar o proxecto executivo, pero ten de catro a seis meses para rematalo, aínda que é moi posible que se faga antes. Contando con este tempo, despois hai que revisalo, polo que pensan licitar a obra da EDAR no 2021, pero posiblemente non dera tempo a iniciala. Polo tanto pasaría a iniciarse no ano 2022 e en 2023 culmina o tempo para tela rematada”, indica Llano.
FONDOS EUROPEOS PENDENTES DE NON ESGOTAR OS PRAZOS
O PSdeG urxiu á Xunta a axilizar a construción, cun orzamento de nove millóns de euros, a fin de non perder fondos europeos por esgotar os prazos marcados.
Llano finalizou que “estamos interesados en negociar con Costas e con Portos a máxima axilidade para que esta obra non teña atrancos para que comece. Tamén desde o Concello estamos aportando a nosa axuda dentro das nosas posibilidades, e que non haxa ningún tipo de obstáculos para realizar a obra o antes posible. Consideran que se vai licitar a obra posiblemente en 2021 e a execución sería no seguinte ano, polo tanto non se puxo ningún orzamento para esta obra porque primeiro hai que licitala”, concluíu.