O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso de reposición interposto polo Grupo Alcoa Inespal fronte ao auto ditado o 4 de novembro pola mesma Sala do Social no que ordena á empresa “absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas”. O TSXG, polo tanto, confirma esta resolución. Os maxistrados salientan no auto, contra o que cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que a medida cautelar adoptada ten “un compoñente principalmente de anticipación”, xa que a consideran “imprescindible” para o caso de que, nunha hipotética declaración de nulidade do despedimento colectivo, se puidese readmitir de maneira inmediata aos traballadores.
Na resolución do pasado 4 de novembro, o TSXG impuxo a prohibición de parar as cubas pero deu vía libre á compañía para executar os despedimentos, cuestión que polo momento non levou adiante.
CABE RECURSO DE CASACIÓN ANTE O SUPREMO
A Sala recalca que o apagado das cubas electrolíticas “aínda non sendo un proceso irreversible, ofrécese complexo, custoso e dilatado no tempo“, o que carrexaría “graves prexuízos aos traballadores”.
Os maxistrados sinalan que “a instrumentalidade” da medida cautelar solicitada polos sindicatos está dirixida a que non se frustre a posibilidade dunha readmisión para o caso, reiteran que “hipotético“, de que recaese unha resolución favorable a unha pretensión de nulidade do despedimento. Os xuíces entenden que a prohibición de parar as cubas era “non só necesaria, senón a medida máis proporcionada e menos lesiva ou gravosa“, á vez que subliñan que se se declarase a nulidade dos despedimentos sería “imprescindible para a continuación inmediata da actividade e a readmisión do persoal, de maneira que o que se acordou non ostentaría xa natureza de medida cautelar, senón de execución do pronunciamento xudicial”.
O TSXG CUALIFICA A FÁBRICA DE “ESTRATÉXICA”
Sobre a falta de lexitimación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e da Consellería de Economía, Emprego e Industria para intervir no procedemento, os maxistrados indican que no incidente de medidas cautelares solicitábase unha administración ou intervención pública de Alcoa, personificándoo na Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), pero que tamén “podería afectar” ás dúas Administracións. “Consideramos que, aínda cando os terceiros chamados a xuízo non son partes no contrato de traballo ou relación laboral, ostentan, no caso deste procedemento de medidas cautelares, un interese lexítimo“, destaca o TSXG, á vez que subliña que a empresa interpelada é “unha industria estratéxica cuxo peche ou redución de emprego produciría un innegable e importante impacto social dada a transcendencia que, para a comarca da Mariña, supoñería o peche total ou parcial da empresa”, o que determina “a existencia dun interese das administracións”.
VE LEXÍTIMA A RETRANSMISIÓN EN STREAMING
Os xuíces tamén avalan a retransmisión da vista en directo a través de streaming, xa que lembran que ten que facilitarse “o acceso aos medios de comunicación das actuacións procesuais públicas”, sobre todo na situación actual de pandemia. Desta forma, a Sala defende que tomou a decisión para “permitir e garantir ás persoas afectadas polo conflito laboral, que noutra situación en que as condicións sanitarias fosen de normalidade poderían ter acceso á sala de vistas cos obvios límites do aforo da mesma, a posibilidade de coñecer de maneira directa o que acontece no desenvolvemento da vista da comparecencia xudicial”.