Sargadelos vén de poñer á fronte do proxecto do grupo empresarial á executiva do téxtil Eva María Cárdenas, exresponsable de Zara Home e parella do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Así o puido constatar o Xornal da Mariña, aínda que por agora fontes da marca, consultadas ao respecto, non confirmaron nin desmentiron este punto. Cárdenas visitou ao longo dos últimos días as instalacións da fábrica de cerámica de Cervo.
Nada en 1965 e graduada en Económicas e Deseño Industrial pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado de Administración e Dirección de Empresas, Cárdenas accedeu a Inditex en 2003, onde recalou desde L’Oréal. Na empresa galega foi responsable de Zara Home, a cadea de artigos para o fogar do grupo, ata o 2018.
Segundo recoñecía Pablo Isla, presidente da propia Inditex, Cádernas, que foi a segunda muller en dirixir unha cadea do grupo, xogou un papel importante na “expansión internacional” da área de produtos para o fogar. Zara Home sumaba case 600 tendas e máis de 800 millóns de facturación, medrando un 125% entre os exercicios 2012 e 2016.
Cando Cárdenas e Inditex separaron camiños, medios de comunicación próximos ao presidente da Xunta expuñan que renunciaba ao posto para coidar da familia, indicando outros que os malos resultados empresariais nas dúas últimas anualidades estaban detrás da súa marcha, e que percibira un finiquito de dous millóns de euros. Meses despois, xa no 2019, iniciou xunto á súa filla un negocio inmobiliario, Niebla Azul.
APOSTA EN PLENA PANDEMIA
A aposta por Cárdenas prodúcese en plena pandemia e nos albores da crise económica provocada pola mesma. Sargadelos, baixo a tutela do accionista maioritario, Segismundo García, viña de ampliar a súa oferta cultural na planta de Cervo, coa apertura dun museo que se une ás visitas guiadas á fábrica, e de recuperar do antigo comedor para poñer de novo en marcha a Táboa dos Irmandiños. A empresa sintetizou estes recursos en paquetes turísticos denominados ‘Experiencias Sargadelos‘. A marca presentara de cara ao pasado Nadal o seu primeiro perfume.
Por outra banda, tamén nos últimos anos, a marca e especialmente a figura do conselleiro delegado víronse envoltos nalgunhas polémicas, sobre todo no tocante ao eido laboral, ámbito no que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón á UGT e á sindicalista Rogelia Mariña, que presentaran unha demanda por vulneración da liberdade sindical.
A contratación tamén se produce nun contexto de achegamento entre o grupo empresarial e a Xunta de Galicia, que vén de entrar no Padroado da Fundación Sargadelos.