A pregunta é de sentido común: “por que non iamos poder votar se somos persoas coma os demais?”. Fana os usuarios das asociacións mariñás que atenden a discapacitados intelectuais, como a viveirense Aspanane ou as burelesas Fundación Eu Son e Camiña.
A reforma da Ley Orgánica de Régimen Electoral General (Loreg), impulsada polo PSOE e aprobada con unanimidade polo Congreso o pasado 18 de outubro, recoñece o dereito ao voto dunhas 100.000 persoas con discapacidade intelectual ou enfermidades mentais. A Cámara satisfai así “unha demanda histórica” de técnicos e usuarios.
100.000 discapacitados intelectuais e enfermos mentais poderán votar trala modificación da loreg
Desde Camiña resaltan que o colectivo estatal Plena Inclusión levaba sete anos inmerso nunha campaña, #MiVotoCuenta, para “concienciar á cidadanía e aos poderes públicos sobre esta discriminación“.
“NON APARECÍA NO CENSO”
Jesús Blanco xa votou, aos 18 anos. Logo quitáronlle o seu dereito. “Pedíuseme a incapacidade xudicial e a seguinte vez que fun votar non aparecía no censo”, explica este usuario do centro ocupacional de Aspanane. Que lle pareceu? “Chorei”, contesta. Por que? “Porque é como se foses un cero á esquerda”, argumenta.
jesús blanco foi votar e nON PUIDO. solicitáranlle unha modificación da capacidade
A de Jesús é a historia de moitos discapacitados. A solicitude de modificación da capacidade, que habilita ás familias para realizar xestións no nome dos seus seres queridos e velar pola súa situación civil, contiña un reverso: a sentenza tamén as privaba do voto.
“En moitos casos, o sentido deste tipo de tutelas é garantirlle a estas persoas unha seguridade no seu futuro, que saiban que van estar acompañadas”, expón Elena Santos, directora de Aspanane. Por iso, nin usuarios nin técnicos entendían que unha normativa que aspira a protexer aos cidadáns os despoxe de dereitos. “Para min, é a lei da vergoña”, di Jesús.
usuarios e técnicos non entenden como unha normativa que debera protexer quitaba dereitos
Santos sinala que, dos 36 usuarios do centro ocupacional de Aspanane, poderán beneficiarse da medida 18, que tiñan a modificación da capacidade total ou absoluta.
EXAMINADOS
Unha desas persoas é Alba Fernández. Alba ten 38 anos e o ano que vén votará por primeira vez. Anos atrás, apoiada pola súa familia, púxose en contacto coa federación galega de asociacións, Fademga, para poder exercer un dereito que consideraba lexítimo.
alba fernández iniciou trámites para poder exercer o sufraxio. tivo que facer un exame “que moita xente suspendería”
Ata o de agora, a resposta a esta petición era a obriga de aprobar un exame sen temario, con preguntas sobre a Historia de España ou sobre o ideario dos partidos políticos. “Era inxusto. Podía haber cuestións de todo tipo: como e por que se compoñen Congreso e Senado, por exemplo”, expoñen desde a asociación Camiña. Santos asegura que “moita xente suspendería” a proba.
ENFERMOS MENTAIS
As persoas que padecen doenzas mentais atopábanse con frecuencia coas mesmas dificultades.
María José Novoa, directora técnica da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, precisa que poderán votar 31 dos 91 usuarios do colectivo, segundo informa Vanesa Gómez Lourido.
“MÁIS PESO” NA SOCIEDADE
Como cre Alba que se sentirá cando vote? “A felicidade”, asegura. Oliva Ferro, que pode facelo, relativiza a súa euforia. “Non é para tanto”, responde. Pero en seguida xurden na conversa problemas que ven no seu municipio e que poderían solventarse a través das administracións. Un exemplo: “fai falta un paso de peóns en San Lázaro”, indica Ferro.
“non podes esperar que os GOBERNOS te teñan en conta se non votas”, di unha técnica
Outra das razóns que esgrimían os defensores do voto é que os discapacitados intelectuais e enfermos mentais terán máis peso nas decisións políticas. “Todos sabemos que funciona así. Non podes esperar que te teñan en conta se non votas”, razoa Noelia Eijo, responsable da Fundación Eu Son.
Novoa asegura que a medida supón “un avance no recoñecemento dos dereitos dos enfermos mentais”, aínda que dubida da influencia que poda ter nas políticas públicas en relación co colectivo.
INTERESADOS NA POLÍTICA
Interésalles a política? “Si, sígoa sempre”, indica Jesús. “Pero non para estar todo o día vendo programas dela, tampouco”, rin os seus compañeiros. Marcos Leivas, de Mondoñedo, cita ás lideresas de PP e PSOE no seu municipio.
miguel crego detalla que posto ocupa o seu partido no último barómetro do cis
Miguel Crego sorprende mesmo a quen o coñece ben, as monitoras de Eu Son, cando detalla o posto que ocupa o seu partido no último barómetro de intención de voto do CIS.
ESTIMULAR A AUTONOMÍA
Eijo explica que na Fundación Eu Son traballan para estimular a autonomía dos usuarios, unha necesidade que se descoidou durante anos. “Ao principio era complexo. Estaban sobreprotexidos e non tiñan costume de tomar decisións sinxelas, como poñer unha chaqueta se facía frío”, expón.
Agora, dentro do proxecto Conta Comigo, realizan xuntanzas mensuais para que os usuarios expresen as súas opinións sobre o funcionamento do servizo. Unha vez ao ano, elixen delegado nunha votación que se asemella o máximo posible a unhas eleccións.
A DIRECTORA DE EU SON expón QUE “SEMPRE ESTIVERON SOBREPROTEXIDOS”. CONQUISTAR ESPAZOS DE AUTONOMÍA É UN ESFORZO DIARIO
O resultado: canto máis se estimula a estas persoas a expresar preferencias ou tomar decisións, máis capaces son de facelo. Noutras palabras: ás veces, os límites ponos a sociedade. Coma no voto.
Na asociación Camiña ven o cambio lexislativo como “un triunfo”. A directora de Aspanane considera que se trata “dun pasiño máis, e dos máis importantes” dentro da pelexa diaria -“unha carreira de fondo”- pola inclusión.
FACILIDADES PARA VOTAR
Sen embargo, os técnicos avisan de que a batalla non remata no Congreso nin no Senado, senón que será necesario solventar problemas prácticos para que estas persoas podan exercer o seu dereito con plenas garantías.
Neste sentido, o PP introduciu unha enmenda parlamentaria que alude á posibilidade de emitir o sufraxio “calquera que sexa a forma de comunicalo e cos medios de apoio que se requiran”.
OS TÉCNICOS PIDEN AOS POLÍTICOS “PROGRAMAS DE LECTURA DOADA” E “UNHA LINGUAXE AXEITADA”. ÁS FAMILIAS, QUE deixen elixir
“Ao igual que existen barreiras físicas, tamén as hai comunicativas. Débense elaborar programas de lectura doada e os políticos deben usar unha linguaxe axeitada para dirixirse a eles”, afirman os técnicos.
ELIXIR POR ELES MESMOS
Outra cuestión a resolver é a posible influencia das familias nas persoas discapacitadas. “Non deberan marcarlles o seu voto, senón respectar a súa elección”, piden os especialistas aos seus seres queridos.
Se os demócratas defenden que votar é un acto de compromiso coa sociedade e de recoñecemento do outro, basta ver como respectan a quenda de palabra durante as entrevistas para preguntarse por que se lles considerou incapaces de exercer outras mostras de civismo.
Ao longo das conversas, xurde unha pregunta que se repite: “por que, se somos as mesmas persoas, antes podiamos votar e agora non?”. Eles non sinten que teñan cambiado. Será que está a cambiar, mellor tarde ca nunca, a forma na que os ve a sociedade.