Os traballadores de Alcoa San Cibrao, en folga indefinida, manterán as súas protestas ata que haxa “unha solución clara” para o conflito laboral aberto pola multinacional coa presentación dun expediente de regulación de emprego (ERE) que suporía 524 despedimentos na fábrica de aluminio e a perda doutros alomenos 400 postos de traballo na industria auxiliar.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explica que os obreiros seguen coa acampada á entrada da planta pero “con pouca xente” para “restrinxir os posibles contaxios que se poidan producir dentro da empresa e evitar que se poida coller a Covid-19 na porta”.
“Seguiremos (coa folga e as protestas) ata que teñamos unha solución clara e unha saída a esta situación”, advertiu o sindicalista de Comisións Obreiras.
Actualmente, o persoal está á espera de que salga a sentenza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a impugnación dos sindicatos ao ERE que presentou a multinacional americana.
“Entendemos que desmontamos todos os puntos que traía a empresa para xustificar ese falso ERE. Esperamos que saia ben, unha resolución ao noso favor e que a empresa deixe esa postura de intentar pechar a fábrica para que se poña dunha vez por todas a negociar a venda (da mesma) e darnos unha saída”, destacou.
FALSAS PERDAS
Así mesmo, Zan sinala que no xuízo demostrouse que o informe que aduce Alcoa sobre as perdas está “manipulado e realizado con mala intención”, xa que “os custos dos peches de Avilés e A Coruña metéronse dentro das perdas de San Cibrao”.
“Só no valor do aluminio, no que houbo un incremento moi grande desde maio, desde cando se puxo en marcha o ERE ao momento actual, hai máis de 100 millóns de dólares de diferenza“, sinala. “Pouca validez vai ter o informe técnico que presentou a empresa cando houbo unhas diferenzas tan grandes”, razoa.
Finalmente, José Antonio Zan suxeriu que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia están á espera dun “fallo favorable” do TSXG para que “Alcoa se abra a negociar”.