InicioM.ambiente e PatrimonioRibadeo fomenta a plantación de frondosas para protexer as vivendas dos lumes...

Ribadeo fomenta a plantación de frondosas para protexer as vivendas dos lumes forestais

O goberno local premiará con árbores a quenes cumpran coa lei de incendios, destinando a esta fin unha partida de 8.800 euros; os interesados poden solicitar a achega ata o 30 de decembro

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo publicou este mércores as bases destinadas á entrega de árbores a persoas responsables de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa no termo municipal ribadense. As persoas que queiran recibilas poden presentar as súas solicitudes ata o 30 de decembro. O goberno local destina a este fin unha partida de 8.800 euros.

Trátase do segundo ano no que se leva a cabo esta iniciativa, a fin de axudar á veciñanza que cumpra coa lei de incendios de Galicia, que require que as parcelas afectadas arredor dos núcleos de poboación que teñen que estar libres de especies pirófitas como eucaliptos ou acacias, entre outras, de xeito que “chegada a desgraza de ter un incendio forestal, iso non implique o perigo de vidas ou a propia queima das vivendas”, expón o alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.

FREIXOS, CASTIÑEIROS OU CARBALLOS PARA PLANTAR

“Por iso, hai un tempo, valorando todas aquelas persoas, que foron moitísimas, as que fixeron caso destes requirimentos que desde o Concello facíamos, fixemos unha primeira iniciativa de repartir unha serie de frondosas como freixos, castiñeiros ou carballos, que si están permitidas pois combaten o lume, dan protección e xeran sotobosque, para que se puideran plantar nesas faixas de protección”, explica Suárez Barcia. Especies ademais, remarca, “que que despois non é necesario estar desbrozando sistematicamente cada ano”.

O rexedor concreta que “agora queremos outra vez facer unha segunda iniciativa, incluso con máis fondos; temos para iso uns 8.800 euros, que imos repartir en forma de árbores entre os diferentes beneficiarios de acordo cuns criterios que establecemos nunhas bases que están publicadas, que todo o mundo pode desde agora e ata o 30 de decembro solicitarnos. Hai un formulario que temos establecido ao efecto e unha vez calculadas todas as peticións verase o importe que lle corresponde a cada solicitante. O Concello realizará o encargo a un viveiro e posteriormente poñeremos un día e un lugar no que se fará a entrega destas especies frondosas”, precisa.

INTENSA CAMPAÑA MUNICIPAL POLO CUMPRIMENTO DA NORMATIVA

Suárez Barcia engade que “os solicitantes non teñen porqué vivir en Ribadeo, teñen que ser propietarios de parcelas que foron desbrozadas. Isto tamén é unha maneira por parte do Concello de botarlles unha man, porque sabemos que é algo, que aínda que é obriga deles, supón unha serie de custos periódicos e queremos desde o Concello de Ribadeo dar a nosa achega para axudarlles precisamente a ir plantando estas especies frondosas que van constituír unha faixa de protección moito máis segura diante dos seus núcleos de poboación para evitar a desgraza dun incendio forestal”, conclúe.

O Concello ribadense distinguiuse nos últimos anos por emprender unha campaña rigorosa na esixencia do cumprimento da lei de Incendios, mesmo contratando os servizos dun helicóptero para revisar as parcelas en situación irregular.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...