A Fiscalía de Mondoñedo solicita dez anos de cárcere e cinco de liberdade vixiada para un veciño de Burela por violar á súa exparella cando acudiu ao seu domicilio para recoller o menor que ambos teñen en común, ademais doutros nove meses de prisión por dous episodios de malos tratos no ámbito familiar previos á agresión sexual.
Segundo as conclusións do ministerio fiscal, os feitos aconteceron sobre as 20.40 horas do 21 de xullo de 2019, cando o procesado, maior de idade e sen antecedentes penais, se achaba no seu domicilio de Burela. Daquela acudiu ao mesmo a súa exparella sentimental para recoller ao menor que ambos teñen en común e que estivera na compaña do seu pai durante a fin de semana. Ao chegar ao piso, o acusado díxolle que o neno estaba durmindo e que se sentase no sofá. Nese momento, o procesado comezou a dicirlle que quería volver con ela, ao que lle contestou que ela non quería.
O NENO ESPERTOU SOBRESALTADO POLOS BERROS DA NAI
Nese momento, o procesado, “con ánimo de satisfacer os seus libidinosos desexos, comezou a bicar a muller, a cal o empurraba para separalo”; entón el agarrouna polos brazos e “levouna á forza a unha habitación onde, con igual ánimo, tirouna encima da cama e comezou a forcexear con ela para sacarlle a roupa; como queira que ela se resistía e tras botar ao neno da habitación porque acudira ao espertarse polos berros da súa nai, o procesado púxose encima dela e tapoulle a boca, conseguiu sacarlle a roupa interior e penetrouna vaxinalmente“, recolle o escrito de acusación.
“Tras isto e dicirlle ela que o ía denunciar, o procesado saíu da habitación e foi á cociña, momento en que a vítima aproveitou para coller ao neno, que seguía no corredor, onde o deixou o procesado, e escondeuse con el no baño, para finalmente conseguir saír da vivenda co menor e pedir auxilio nun piso veciño, desde onde chamou á Garda Civil“, expón o Fiscal.
SEGUNDO A FISCALÍA, GOLPEOU Á MULLER DÚAS VECES, UNHA DELAS CUN CINTO, DURANTE A SÚA CONVIVENCIA
A vítima non sufriu lesións físicas por estes feitos, no entanto foi atendida trala denuncia reclamando o Sergas os gastos da súa atención segundo certificación obrante en autos. Así mesmo, durante a convivencia do procesado e a vítima, a cal cesara un mes aproximadamente antes de ocorrer os feitos anteriormente relatados, o acusado propinoulle nunha ocasión durante unha discusión unha bofetada.
Noutra situación, tres meses antes da denuncia, o procesado golpeou á muller cun cinto. Estes feitos que ocorreron no domicilio familiar non foron denunciados pola vítima, a cal tampouco acudiu ao médico. Por auto de 23 de xullo de 2019 dictado polo xulgado de Instrución nº 1 de Viveiro, decretouse a prisión provisional comunicada e sen fianza do acusado, situación na que permanece actualmente.
Deste xeito, a Fiscalía entende que os feitos relatados son constitutivos dun delito de agresión sexual; e de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar. Así, solicita, por unha banda, dez anos de prisión e accesoria de inhabilitación absoluta durante o mesmo tempo e prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 300 metros e comunicarse con ela por calquera medio durante dez anos.
Por outro lado, a petición amplíase a nove meses de cárcere coas accesorias de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena e de prohibición de aproximarse a vítima a unha distancia inferior a 300 metros, así como comunicarse con ela por calquera medio durante un ano e nove meses, e finalmente tres anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas. Ademais, a Fiscalía reclama 2.000 euros para a vítima por danos morais, reembolsando ao Sergas os gastos reclamados, que ascenden a 361,59 euros.