InicioEconomíaO comité de Alcoa convoca o mércores unha concentración en San Cibrao...

O comité de Alcoa convoca o mércores unha concentración en San Cibrao polo aniversario do Casón

Os traballadores, que seguen en loita polo mantemento do emprego en Aluminio, lembrarán a parada das cubas no 1987, nun conflito laboral que supuxo "o Nadal máis triste" da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao anunciou este luns que o vindeiro mércores, 16 de decembro, celebrará fronte á casa da cultura de San Cibrao, na coñecida como a ‘Prazoleta’, unha concentración conmemorativa da parada das cubas de electrólise polo incidente do Casón, no ano 1987.

Trátase dun novo acto de protesta do persoal do complexo industrial de San Cibrao e da industria auxiliar ante o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola multinacional na fábrica de aluminio, que suporía o despedimento de 524 traballadores, o apagado da maquinaria e tamén, segundo a estimación dos sindicatos, unha perda doutros alomenos 400 empregos nas empresas contratistas. Trala celebración do xuízo pola impugnación do despedimento colectivo, os obreiros agardan a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o mesmo.

Neste caso, a nova protesta non pode ser máis simbólica. O conflito laboral do Casón acabou coa parada das cubas de electrólise e o despedimento dos 23 integrantes do comité de empresa, que en decembro do 1987 negaranse á entrada ao complexo industrial de San Cibrao dos bidóns que almacenaba o buque, que embarrancara en Fisterra.

DESPEDIUSE AO COMITÉ AO COMPLETO E UN ERE AFECTOU A UNS 600 TRABALLADORES

A suposta toxicidade dos barrís e a confusa información comunicada polas Administracións provocou unha estampida social na Costa da Morte, decidindo as autoridades desfacerse dos bidóns por mar, vía o porto sancibrense. Tras momentos de tensión no complexo industrial, que acabaron cun desacordo entre a empresa -daquela estatal- e os sindicatos, a maquinaria apagouse e executouse un ERE que afectou a case 600 traballadores. A maioría deles recuperaron o posto máis adiante, no proceso de rearrincado das cubas, pero non así os 23 sindicalistas. Na Mariña quedou a memoria do “Nadal máis triste” da historia recente da comarca.

O conflito laboral do Casón reflectiu a importancia da produción de aluminio para a comarca da Mariña, unha relevancia que os obreiros queren poñer de novo de manifesto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...