Traballadores do teatro e distintos persoeiros da cultura galega, así como entidades e administracións, lamentaron na noite do pasado luns a morte, aos 59 anos, do actor, profesor e dramaturgo Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959-A Coruña, 2018).
Pernas, neto de José Antonio Pernas Peón, criouse en Viveiro e marchou para A Coruña na adolescencia. No número 32 da revista Luzes repasaba momentos da súa infancia e madurez na Mariña Lucense.
MÁIS DE TRES DÉCADAS NO TEATRO
O viveirense, “unha figura fundamental do teatro galego das últimas décadas”, segundo a revista especializada Erregueté, comezou a adicarse de xeito profesional ás táboas no 1985. No 1989 fundou con Ánxela G. Abalo a compañía Áncora Producións.
Ao longo da súa dilatada traxectoria, Pernas recibiu numerosos galardóns. No 1991 gañou o premio Compostela ao mellor texto dramático por ‘O galego, a mulata e o negro‘.
No 1996, a súa peza ‘Ladraremos‘ obtivo o María Casares ao mellor texto dramático orixinal
No 2007, recibiu o Max como mellor autor en galego. Ao ano seguinte, Áncora Producións foi recoñecida co premio Vidal Bolaño.
VISIÓN DA ARTE
O dramaturgo viveirense entendía o teatro “como un exercicio de responsabilidade”, de “xogar coa mentira para alumear a verdade“. Así o explicou á xornalista pontenovesa Montse Dopico:
“Para min, responde á miña necesidade de contestar, de expresarme criticamente, de amosar o meu malestar diante do sistema e responde tamén a un exercicio de responsabilidade como creador ou dramaturgo.
Creo que agora máis que nunca o teatro debe confrontar esta realidade co público senón caeremos na inconsistencia e frivolidade que reclama o poder, como aconteceu noutras épocas, coma no século XIX, mentres a pintura e a novela se volvían contemporáneas e modernas, o teatro divertía aos burgueses ata a chegada tardía do naturalismo”.
Pernas tamén traballou como actor e guionista de televisión, escribiu curtametraxes e foi pioneiro na consolidación dunha dobraxe galega.
MOSTRAS DE RECOÑECEMENTO
A actriz barreirense Estíbaliz Veiga mostrou a través de Twitter o seu pesar pola morte de Pernas Cora.
HOXE BRILA NO CEO UNHA ESTRELA MÁIS, … dende alí, na butaca , esatarás ( libreta en man ) , mirando por nós. Non será aínda este final de película o que nos faga esquecer… SEMPRE PRESENTE , D.E.P. GUSTAVO PERNAS CORA. https://t.co/sHRPPZF585
— Estíbaliz Veiga (@ESTIBALIZveiga) 29 de outubro de 2018
Tamén expresou o seu lamento o xornalista Xosé Manuel Pereiro, que asegurou que con el “morreu a dramaturxia”.
Hoxe morreu a dramaturxia. Gustavo Pernas Cora. Viveiro 1959- A Coruña 2018. E tantos que quedan sen merecelo…
— Xosé Manuel Pereiro (@sihomesi) 29 de outubro de 2018
O Concello de Viveiro emitiu un comunicado no que subliñou que “desde a súa cidade natal queremos facer chegar o noso máis sentido pésame aos seus familiares e amigos”.
Para as 20.30 horas deste martes está previsto un acto de despedida na capela do Tanatorio Albia, na Coruña.