O mosteiro de San Salvador de Lourenzá, un dos principais monumentos da diocese mindoniense, está sendo obxecto dunha “intervención de emerxencia“, segundo anunciou a través dun comunicado o bispado de Mondoñedo-Ferrol.
O estado do monumento, sen uso desde hai anos e considerado Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1974, preocupa desde hai tempo. Segundo recoñece o bispado, “aínda que o estado de conservación dos seus muros e claustros é bastante bo, as cubertas presentan desde hai anos nalgunhas zonas un estado moi deficiente, supoñendo un risco serio para a conservación do inmoble”.
A intervención farase “sobre as partes máis afectadas, que son os corpos norte de ambos claustros e o corpo leste do claustro do Salvador, cunha superficie aproximada de 1.450 metros cadrados”, concreta a nota. As actuacións consistirán “no desmontado progresivo e ordenado da cuberta, conservando a estrutura de madeira existente”. Se durante as obras se observase “que algún dos elementos pode ter a súa estabilidade comprometida, procederase ao seu apuntalamento; e se algún elemento de madeira estivera solto, poderá retirarse e procederase ao seu almacenamento no propio mosteiro para a súa posterior reutilización”, explica a mesma fonte.
Ademais, “procederase á reposición de todos os elementos danados no muro con nivelación, retacado e reposición de cachotería ordinaria derruída nas súas cabezas onde sexa necesario. Dado o carácter provisional destas actuacións de urxencia, a cubrición realizarase con chapa metálica, de cor similar á lousa, coa única finalidade de evitar as filtracións de auga e alixeirar o peso da cuberta sobre os muros”, concreta o bispado.
ORZAMENTO DE 126.000 EUROS
A intervención busca “protexer o edificio mentres se leva a cabo a redacción do proxecto de renovación integral das súas cubertas e se procura a financiación que permita acometer esa obra. O orzamento previsto ascende a 126.223,07 euros”, expoñen desde a Diócese Mondoñedo-Ferrol.
A actuación, conclúen, conta co preceptivo permiso e está coordinada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, “no marco da comunicación que a diocese mantén desde hai tempo, tanto coa Dirección Xeral coma co Concello de Lourenzá, sobre a conservación do conxunto formado pola igrexa e o mosteiro e sobre os posibles usos deste”.