InicioCulturaA Mariña énchese de propostas para un Nadal seguro e entretido

A Mariña énchese de propostas para un Nadal seguro e entretido

Cervo, Viveiro, Xove, Alfoz, Foz ou Burela ofrecen variadas programacións culturais polas festas, con protagonismo para os máis pequenos

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo, en colaboración con diferentes asociacións do municipio, programou para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas para todo tipo de público, que foi presentada o pasado martes polo alcalde, Alfonso Villares, pola edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por membros das asociacións Airiños do Xunco e Fervenza de Sargadelos, así como da organización do II Mercado de Nadal de Sargadelos, que se celebrará xa este sábado, 19 de decembro, entre as 12.00 e as 20.00 horas na Sala de Exposicións de Sargadelos. A iniciativa está promovida por Serea Sufboards, Pasiños na Lúa e Marmeladas A Morena, coa colaboración do executivo municipal.

O 21 de decembro será a inauguración da exposición das postais de Nadal que participaron no concurso programado cada ano pola delegación de Cultura, e tamén se presentará ao público o belén de plastilina que este ano estará formado por figuras elaboradas polos nenos que desexen participar na súa casa; teñen ata o vindeiro venres, 18 de decembro, para entregalas na Casa da Cultura ou na Casa do Concello. Tanto as postais como o belén poderán visitarse na Casa da Cultura, ata o 8 de xaneiro, en horario de 9.00 a 15.00 horas.

O 22 de decembro, está previsto que os paxes de Papá Noel visiten ao alumnado dos dous colexios de Cervo e aos nenos da Escola Infantil Municipal. Tamén se está a preparar unha videochamada personalizada gratuíta con Papá Noel. Os pequenos que desexen falar con el poden inscribirse ata o 17 de decembro na plataforma www.nadal2020.es. Logo do rexistro, concretarase a data e hora da conexión con Papá Noel.

PEDRO BRANDARIZ, NA NOITEBOA INFANTIL

O xoves 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 17.30 horas no salón de actos do consistorio con “Contos e outras Andrómenas” de Pedro Brandariz; non faltará a visita de Santa Claus.

O 26 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá ás 19.30 horas, un concerto de Nadal da man da agrupación Lucus Ensemble.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O 5 de xaneiro os pequenos da casa poderán compartir un anaco coas Súas Maxestades de Oriente nunha recepción que terá lugar na Casa da Cultura en San Ciprián, entre as 16.00 e as 19.00 horas; respectando sempre todas as medidas de prevención fronte ao Covid-19; a continuación achegaranse ata Cervo para recibir ás crianzas no salón de actos, desde as 19.30 horas; tamén haberá unha actuación infantil; programada pola asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello de Cervo.

Xa o 2 de xaneiro haberá maxia da man de Román García, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, o 3 de xaneiro Caxoto deleitará aos pequenos co seu conto “Paxe real” ás 12.30 horas no salón de actos do consistorio; e o 4 de xaneiro terá lugar o espectáculo de títeres “Gaela quere ser druída” de Marionetas Trécola.

TEATRO E XUVENTUDE

O cinema será tamén protagonista este Nadal coa proxección de cintas infantís e xuvenís o 28 e 29 de decembro; e o 7 de xaneiro.

Para a mocidade tamén hai actividades pensadas para estas datas como un láser tag o 29 de decembro, que se desenvolverá no Pavillón da Veiga, en horario de 16.00 a 20.00 horas, por quendas e baixo inscrición previa. Do mesmo xeito, o 30 de xaneiro haberá un Escape Room cos mesmos requisitos, ubicación e horario.

VIVEIRO

Maxia, actividades de cultura e lecer, ademais de sorpresas para as crianzas, compoñen a programación do Concello de Viveiro, que “ten previstos todos os escenarios pola situación sanitaria e tivo un conta as restricións e protocolos expedidos polas autoridades sanitarias, que se aplicarán exhaustivamente en cada unha das citas programadas”, sinala o goberno local.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández, destaca “a aposta pola cultura segura, con espectáculos de pequeno formato e pasarrúas, seguindo a estela da iniciativa De Ruada que agora será Ruada de Nadal”.

“Ademais, temos moitas sopresas e iniciativas novedosas como ‘Tras os pasos de Elfo’, pensadas para os máis pequenos, son unhas datas máxicas para eles e este ano seguirá sendo así”, engade.

Programa do Concello de Viveiro. AXM

En palabras da alcaldesa, María Loureiro, “somos moi conscientes da realidade sanitaria, por iso desde o Concello de Viveiro organizamos unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas. Serán unhas festas diferentes pero igualmente especiais”.

Haberá contacontos, unha gala de maxia o 28 de decembro, obradoiros, o mercado ‘A Trastenda de Nicomedes’ e o tradicional concerto de Nadal da Banda Municipal de Música o 2 de xaneiro, entre outras actividades.

Nas próximas semanas e en función da evolución epidemiolóxica, o Concello concretará outras actividades, como a programación do 5 de xaneiro, coincidindo coa chegada dos Reis Magos.

XOVE

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e Dolores Meitín, concelleira de cultura, presentaron tamén a programación de Nadal.

Programa de Nadal de Xove. AXM

ALFOZ

O Concello de Alfoz anuncia a cancelación da obra de teatro aficionado “Menciñeiro á forza” do grupo Os Baluros Teatro, programada para o venres 18 ás 20.00h.
O sábado 19 ás 19.00 horas os monicreques da Xanela do Maxín recrearán a obra “O apalpador e a nena sen medo” no salón de actos da Casa da Cultura. Ao remate da representación entregaranse os premios do XVIII Concurso de postais de Nadal.
O domingo 20, tamén ás 19.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, haberá teatro familiar: “A viaxe do Sr. López” da Área de Cultura da Deputación Provincial.
O domingo 27 inaugurarase a exposición de fotografía “Alfoz no outono” no Castelo de Castro de Ouro, aberto os sábados, domingos e festivos (excepto Nadal e Fin de Ano) de 12.00 a 20.00 horas.
Para as nenas e nenos de 3 a 12 anos organizaranse actividades na Biblioteca Pública: o luns 28, de 10.30 a 13.00, “Nadal na Biblioteca”, obradoiro creativo de manualidades navideñas, xogos, música e algunha sorpresa; o martes 29, de 17.00 a 19.00 horas, “Dinosauros na biblioteca”. O mércores 30, de 17.00 a 19.00 horas, “Detectives na biblioteca”.  Serán grupos reducidos, respectando os protocolos anti Covid-19 e as inscricións faranse antes do comezo das actividades. Máis información no teléfono 982 558 001 (ext.2 Arantxa).

FOZ

A concelleira de Cultura focega, Inés López Couto, anunciou a programación en Foz para os vindeiros días. “Coma todos os venres e sábados, DJ Popy seguirá amenizando as compras nas rúas focegas coa súa música. Este venres, día 18, haberá un recital musical de poemas inéditos de Xosé Neira Vilas, chamado “Cantos de Amor“; poderase desfrutar ás 20.00 horas na Casa da Cultura. O sábado comezarán a chegar os elfos de Papá Noel, que durante a mañá percorrerán as rúas da vila con pequenos agasallos para as nenas e nenos”, indicou.

Ese mesmo día “tamén se poñerá en escena “Os nenos da varíola“, unha adaptación teatral da obra de María Solar do mesmo nome, para crianzas a partir de 8 anos”. Para acudir tanto ao recital do venres coma á actuación teatral do sábado é necesario reservar no teléfono 982.140.027, extensión 3. O aforamento será limitado e coas medidas de seguridade anticovid, para manter unha cultura segura. Consulta as restantes actividades do programa de Foz nesta ligazón.

BURELA

O concelleiro de Cultura de Burela José Díaz lamenta non poder contar cun musical infantil importante este Nadal e ter que anular o monólogo de Miguel Lago, debido á situación sanitaria e ás restricións de aforamentoss.

O sábado 19 o grupo local Torques recreará ‘O Randiña‘, ás 20.30 no auditorio. O venres 25, día de Nadal, a Charanga NBA dará ambiente ás rúas coa súa música. O domingo 27, ás 19.30 horas, a actriz de Barreiros Estíbaliz Veiga representará ‘Malas palabras‘, con entrada de balde, en homenaxe a Carvalho Calero.

Burela Salva o Nadal. AXM

Ademais, haberá unha actividade desde o 15 de decembro ao 5 de xaneiro, ‘Burela salva o Nadal‘, un xogo interactivo para as familias. “Trátase de ir facendo misións por diferenres puntos de Burela, nun total de oito lugares significativos, onde haberá uns carteis, cun código QR, que trala lectura derivará nun vídeo dos Reis Magos que pedirán cumprir distintas misións. Así evitamos que se produzan aglomeracións”, finalizou Díaz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...