O dispositivo conxunto anticovid-19 de Policía Nacional e Policía Local de Viveiro saldouse cun detido, segundo informou o corpo policial estatal.
Este dispositivo estase a coordinar entre Policía Local e Nacional de Viveiro en previsión dos incidentes en materia de “toque de queda” e “botellóns” que puidesen derivarse da fin da actividade da hostelería, a partir das 23.00 horas do sábado 28 de decembro, intensificándose os controis aleatorios nos momentos previos ás celebracións familiares, dada a ampliación da mobilidade para as festas de Nadal.
O pasado martes, sobre as 23.40 horas, segundo a Policía Nacional, “detectouse a presenza de varios clientes facendo consumicións na terraza dun bar de Viveiro, polo que se procedeu á súa identificación por infraccións en materia de toque de queda e de horario de peche. Un dos clientes encarouse á patrulla policial, tentando agredir a un dos axentes que conseguiu reducilo sen outras consecuencias”, explican as mesmas fontes.
“O agresor tivo que ser detido ao non cesar na súa actitude agresiva e amenazante cara aos policías, sendo trasladado a Comisaría para ser posto a disposición da Autoridade Xudicial na mañá de hoxe mércores, que decretou a súa posta en liberdade con cargos”, continúa a Policía Nacional, que concreta que “tanto o detido como os seus dous acompañantes serán propostos para sanción administrativa por infracción do toque de queda, mentres que o establecemento serao por infracción do horario de peche”.