A Deputación de Lugo comunicou este venres que realizará entre mañá sábado e o vindeiro domingo un total de 54 probas PCR -27 a residentes e 27 a traballadores- no centro de maiores de Trabada, despois de que se detectase un caso entre os usuarios.
O goberno provincial valora a posibilidade de que se trate dun “falso positivo“, expón nun comunicado, e concreta que tanto a persoa infectada como os traballadores do centro que tiveron contacto con ela permanecen illados desde o pasado día 24, cando se coñeceu o caso.
A “DILATACIÓN” NO TEMPO DAS PROBAS CONLEVA “UN RISCO”, SINALA O EXECUTIVO PROVINCIAL
A Deputación critica que a Xunta de Galicia comunicase que “non realizará probas PCR á toda a comunidade do centro de maiores ata o vindeiro martes, 29 de decembro, co cal pasarían cinco días desde a detección do caso positivo, polo que esta dilatación no tempo supón un risco tratándose dun colectivo tan vulnerable fronte a esta pandemia“.
Deste xeito, iniciará as probas a fin de “tratar de detectar canto antes a orixe do contaxio e minimizar o posible o impacto da pandemia no centro”. Unha vez se teñan os resultados, conclúe o goberno provincial, “valorarase se é necesario novas medidas”.