Mari Carmen Fernández, unha usuaria da residencia de Burela de 85 anos, foi este martes a primeira persoa vacinada de coronavirus na provincia de Lugo. Un momento de “moita emoción”, recoñeceu, admitindo estar “alucinada” polo xeito no que “os científicos atoparon en tan pouco tempo a vacina. Quero publicamente darlles as grazas e a todas as persoas que colaboraron con isto; estabamolo pasando moi mal e isto é unha sorte moi grande”, afirmou.
“A ver se saímos desta”, sinalou Fernández, que atribuíu a vitalidade e súa xuvenil apariencia -ninguén diría que naceu no 1935– “ao ben que me coidaron” no xeriátrico, de titularidade pública. “Isto é a solución, a salvación, e xa quixen apuntarme ás probas para perfeccionar a vacina, pero non mo permitiron pola miña idade”, afirmou.
“Aguantamos moito, pasámolo moi mal”, resumiu en relación coas longas tempadas que pasaron illados os usuarios nas residencias, que en moitos casos convertéronse en trampas mortais con abrochos que provocaron numerosas mortes entre pacientes especialmente vulnerables. “Agora síntome liberada, libre deste pesadelo”, remarcou Fernández, que terá que recibir unha segunda dose para que a vacina sexa plenamente efectiva.
Ao longo desta xornada de martes recibirán a vacina 65 persoas, todas relacionadas co xeriátrico burelao, tanto usuarios como traballadores. Mañá mércores continuarase co programa de vacinacións. O xerente da área sanitaria de Lugo, Burela e Monforte, Ramón Ares, concretou que “neste próximo mes de xaneiro queremos ter vacinados a todos os residentes e profesionais, en total van ser máis de 7.500 persoas”.
A PRIMEIRA ENFERMEIRA VACINADA DA PROVINCIA: “TEÑO PLENA CONFIANZA NA VACINA, É UN DÍA MEMORABLE”
Pola súa banda, María Sánchez del Río, profesional do xeriátrico, foi a primeira traballadora en recibir a vacina. “A emoción é tremenda, así como a confianza na ciencia e na vacina”, asegurou a enfermeira. Así, chamou a todas as persoas a vacinarse no momento en que teñan oportunidade. “É unha responsabilidade de todos para protexernos e para poñer un pouco de luz para pasar un momento moi complicado. Isto é un éxito, un día memorable e de celebración; foi un ano moi malo pero (o antídoto) xa é unha realidade e fomos capaces de acabalo deste xeito”, salientou.
Pola súa banda, Patricia García, directora da residencia de Burela, chamou tamén á “responsabilidade social” que “todos debemos ter ao poder acceder á vacinación”.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegurou que “isto vai marcar un antes e un despois. É fundamental para dar confianza, para recuperar a normalidade canto antes”, agregou.
Llano insistiu en que a residencia é un “centro exemplar” para frear o avance da pandemia. En canto aos usuarios, o alcalde de Burela resaltou que estaban “un pouco nerviosos e ilusionados, sobre todo mirando ao futuro, de volver á nova normalidade. Veno con satisfacción, con esperanza e coa motivación de colaborar”, concluíu.