InicioEconomíaAlcoa anuncia que está "disposta" a "explorar" coa SEPI unha venda da...

Alcoa anuncia que está “disposta” a “explorar” coa SEPI unha venda da planta de aluminio de San Cibrao

A multinacional cita o 7 de xaneiro aos traballadores, aos que pide que levanten a folga indefinida

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa anunciou na tarde deste luns a través dun comunicado de prensa que, “co obxectivo de atopar a mellor solución posible á planta de aluminio de San Cibrao”, está “disposta” a “explorar de novo a súa venda á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), tal e como viñeron demandando Goberno e representantes dos traballadores”.

Pola súa banda, a empresa pide ao comité que “finalice a folga para que o proceso se poida desenvolver nun ambiente de normalidade e paz social”.

Alcoa anunciou tamén que convocou ao comité de empresa a unha reunión o 7 de xaneiro.

Os traballadores reclamaran en varias ocasións á multinacional que sentase a negociar unha venda da planta, na que presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) que suporía a parada das cubas de electrólise e a perda de máis de 900 empregos entre a factoría de aluminio e as empresas auxiliares. O persoal ofrecérase a cambio a levantar o paro nas dúas fábricas -alúmina e aluminio-, que mantén desde o 4 de outubro.

MANTÉN O RECURSO ANTE O SUPREMO

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o despedimento colectivo, aínda que Alcoa presentou recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Preguntadas sobre este recurso, fontes de Alcoa aseguran que “consideramos que sempre actuamos de boa fe, como volvemos demostrar coa proposta de iniciar un novo proceso de venda á SEPI, polo que mantemos a intención de recorrer ao Tribunal Supremo”.

Comité, sindicatos, Administracións -Xunta de Galicia e Goberno central- e o propio TSXG entenderon que Alcoa obrou de “mala fe” tanto no período de consultas do despedimento colectivo como no frustrado proceso de venda á siderúrxica británica Liberty House, que incluíu o rexeitamento dunha oferta da SEPI.

CC OO ACOLLE O ANUNCIO “CON PRUDENCIA”, AÍNDA QUE O VE “UN NOVO PASO ADIANTE” DOS TRABALLADORES

CC OO valorou “con prudencia” a intención de Alcoa de sentarse, outra vez, a negociar a venda á SEPI, como “froito dunha loita sindical sen precedentes. Isto non é máis que un novo paso adiante, trala insistencia e tenacidade dos traballadores no seu afán de defender a produción e os postos de traballo na planta que supón, en definitiva, o futuro industrial da comarca da Mariña”.

Que Alcoa recúe tamén é froito, resalta a central, “do comité de empresa ao manter a presión sobre Alcoa cunha folga malia as voces que pedían levantala“, entre elas a Xunta de Galicia e o Goberno central, “abocándonos á resolución do Supremo logo de 14 meses de incerteza”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...