Unha traballadora e un usuario da residencia da terceira idade de Burela deron positivo en coronavirus unha semana despois de recibir a primeira dose da vacina de Pfizer no propio centro.
A traballadora permanece ingresada en planta no Hospital Público da Mariña. Pola súa banda, fontes da Consellería de Sanidade explicaron que dous días antes de fornecer a vacina neste centro o pasado día 29 de decembro, practicáronselle test de saliva e PCR tanto aos usuarios como aos traballadores deste centro e todos deron negativo.
Así mesmo, estas fontes sinalan que a traballadora puido contaxiarse no seu ámbito familiar e descartan que o seu caso se trate de efectos adversos producidos pola vacina.