Como se esperaba, o acto de conciliación convocado para este venres en Viveiro pola demanda da UXT contra Sargadelos por conflito colectivo non foi frutífero e o asunto resolverase pola vía xudicial.
O sindicato demandou á empresa por non respectar o convenio no tocante ás remuneracións das 49 traballadoras que entraron a traballar ao longo do último ano e medio.
O Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) citou á dirección da empresa, á CIG, a CC OO e á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
A CIG, sindicato que -ao igual ca UXT logo da revocación de Rogelia Mariña– non conta con representantes na fábrica cervense, adheriuse á reclamación interposta pola central socialista.
Pola súa banda, CC OO, que copa a representación na planta de Cervo con tres afiliadas, non se presentou ao acto de conciliación.
SENTENZA
A UXT reiterou que presentará un recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia trala sentenza do Xulgado do Social número 2 de Lugo que dá a razón á empresa no pleito por vulneración da liberdade sindical.