O xerente da área sanitaria de Lugo, Burela e Monforte, Ramón Ares, asegurou este luns que a situación epidemiolóxica na Mariña “é preocupante, porque levamos máis de 15 días cunha incidencia moi alta, que non deixou de subir”. O dirixente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) concretou que o maior número de casos de Covid-19 concéntrase na área Occidental da comarca e que o Hospital da Mariña acolle 14 pacientes contaxiados, permanecendo ingresados na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do HULA (Lugo) outros dous mariñaos positivos.
Ares afirmou que a situación “non é igual toda A Mariña; fundamentalmente concéntrase a situación na Mariña Occidental, teñen unha incidencia moi alta Viveiro, Xove, Burela e Cervo, que tamén está incrementando o número de casos e a taxa de incidencia acumulada a 14 días”. Os concellos xovense e viveirense permanecen pechados perimetralmente.
“É unha situación preocupante, porque se tomaron medidas”, apuntou, engadindo que “fixéronse cribados en Xove e en Viveiro, estamos a facer moitas PCR e si que nos preocupa que a situación non se curta, aparecen novas cadeas de transmisión e xa son moitos casos acumulados”, salientou.
No que atinxe ás posibles causas do elevado número de contaxios, Ares apuntou ás festas. “Posiblemente estamos vendo todo o que foi Nadal e Fin de Ano“, argumentou.
O Sergas lembrou que “todo isto ten unha repercusión importante: temos 14 pacientes no Hospital da Mariña, ingresados na planta Covid-19 de Burela, e en Uci no HULA temos dous doentes procedentes da comarca”, concluíu.