O Xulgado do Penal número 2 de Lugo celebrará este luns, a partir das 10.30 horas, o primeiro capítulo dos catro previstos polo xuízo contra o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, pola concesión de 45 licenzas para construír 2.996 vivendas nun só ano neste municipio.
O xuízo, previsto para o pasado mes de febreiro, foi adiado pola folga dos funcionarios da xustiza.
A Fiscalía acusa ao rexedor e a cinco edís –José Manuel Gómez Puente, Lorenzo Penabad Bolaño, María Alina Rodríguez, Eulogio Menéndez e José Rojo– do equipo de goberno de 2006, cando se concederon os permisos, de prevaricación urbanística.
Tamén está acusada a arquitecta municipal, Marta Geada Arca. A acusación afirma que a técnica emitiu “informes favorables” e os acusados asinaron as licenzas malia que sabían “da imposibilidade” de dar resposta a servizos básicos para a execución das vivendas, como o suministro de electricidade, o abastecemento ou a evacuación de augas residuais.
PENAS
A Fiscalía solicita penas dous anos de prisión e dez de inhabilitación para o alcalde, a arquitecta municipal e tres edís, e seis meses de cárcere e sete de inhabilitación para os dous concelleiros restantes, Penabad e Rojo.
BOOM URBANÍSTICO
No 2007, a Xunta de Galicia -gobernada polo bipartito formado por PSdeG e BNG– paralizou o proxecto a través do decreto 15/2007, que suspendía a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros, e aprobaba unha ordenación provisional.
Daquela, moitos viron neste caso un exemplo do boom urbanístico. O alcalde, que quería “converter Barreiros no Sanxenxo do norte”, afirmou que padecía “unha persecución persoal” por parte da Xunta. O Tribunal Supremo declararía en 2014 “irregular” a intervención do Goberno galego.
REMATARÁ O 14
O vindeiro mércores testificarán as testemuñas da acusación; o xoves, as da defensa, e o día 14 rematará o xuízo coa presentación dos informes e probas periciais correspondentes.
CANDIDATURA ELECTORAL
O xuízo podería ter implicacións políticas a nivel local, dado que Fuente Parga continúa como alcalde de Barreiros, cargo ao que accedeu no 2005. Da súa absolución podería depender unha candidatura co PP, partido co que gañou as últimas eleccións e do que deixou de ser militante pola causa xudicial aberta.