O número de casos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 1.210, 64 máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse un total de 86 positivos novos por PCR.
Dos 1.210 contaxiados, 39 permanecen ingresados. O Hospital da Mariña atende 17 pacientes con Covid-19, por outros tantos o HULA -entre eles os sete da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos-. O centro hospitalario de Monforte acolle cinco doentes infectados.
No histórico da provincia documéntanse 7.090 altas, 153 falecementos e 8.459 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 141.992 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse un total de 683 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro comezará o peche da hostalería e da actividade non esencial -ximnasios, salas de xogo, bibliotecas, eventos culturais- con 267 positivos novos (catro menos) confirmados nos últimos 14 días.
Xove, que se mantén pechado perimetralmente, conta 107 contaxios (catro menos) nas últimas dúas semanas. Burela, Cervo e O Vicedo, onde desde esta medianoite aplicaranse as mesmas restricións, confirmaron nese mesmo período 48, 21 e 21 contaxios, respectivamente. En Ribadeo detectáronse 20 e en Foz once, en Ourol dez.
O resto dos municipios da Mariña oscila entre un e nove casos localizados nese mesmo prazo, agás Lourenzá e Trabada, libres de Covid-19.
RESIDENCIAS
MAIORES
30 Residencia da Pastoriza e apartamentos
3 Residencia de Maiores de Burela
8 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
4 Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove
18 Residencia San Bartolomeu de Xove
TRABALLADORES
23 Residencia da Pastoriza
2 Domusvi Chantada
1 Residencia de Foz
5 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)
1 Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria
1 Meu Fogar de Taboada
1 Residencia de Trabada (a Deputación confirmou que se trata dun falso positivo)
2 Residencia Domusvi Viveiro
12 Residencia San Bartolomeu (Xove)