EFE. Os fortes refachos de vento que están azoutando a comarca da Mariña chegaron a alcanzar unha velocidade de 139,7 quilómetros por hora (km/h) en Penedo do Galo, no municipio lucense de Viveiro, segundo informou Meteogalicia.
Toda a comarca da Mariña está hoxe baixo o nivel de aviso laranxa, precisamente pola previsión de fortes rachas de vento, tanto en terra como no litoral.
De feito, o vento tamén chegou a rachas de 115 quilómetros por hora en Burela e a superar os 100 quilómetros por hora en Foz.
A causa do vento, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) decretou o nivel de servizo vermello na Autovía do Cantábrico (A-8), concretamente entre os quilómetros 536 e 552, entre os municipios de Abadín e Mondoñedo, no Alto do Fiouco. A velocidade está limitada e recoméndase máxima precaución para circular por ese punto.