A CIG denunciou este luns a través dun comunicado de prensa “inmunizacións irregulares” no Hospital Público da Mariña, dado que a dirección do centro hospitalario “saltouse o protocolo” de vacinacións do coronavirus. Así, o sindicato asegura ter constancia de que o pasado 18 de xaneiro foron vacinadas a directora do distrito da Mariña, a subdirectora médica, a subdirectora de Enfermaría, a supervisora de área e a xefa de Admisión e Documentación Clínica, “empregando o poder que lles dá o seu nomeamento para vacinarse namentres unha parte importante do persoal asistencial non foi vacinada pola falla de doses”.
A central explica que, segundo a Instrución 1/21 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas) sobre o segundo proceso de vacinación Covid-19 de persoal en centros sanitarios de Galicia, subministrouse a vacina aos traballadores “do grupo 2, de institucións sanitarias de primeira liña de atención a pacientes positivos e/ou inmunodeprimidos e aos expostos a riscos biolóxicos por procedementos xeradores de aerosois segundo criterios do Plan específico de prevención de riscos laborais”.
“QUEDAN MÁIS DE 250 COMPAÑEIROS SEN RECIBIR A PRIMEIRA DOSE”
“Seguindo está instrución nesta fase non se atopaban incluídas as persoas con cargos directivos dos centros hospitalarios, e menos cando aínda quedan máis de 250 compañeiros sen recibir a primeira dose da vacina, moitas con función asistencial aos pacientes”, engade.
“Nunha xuntanza que mantivemos con esta dirección o día 19 de xaneiro, a propia directora do distrito sanitario explicou o plan de vacinación, e afirmou que tanto a parte administrativa, como a equipa directiva e as organizacións sindicais serían as últimas en recibir a primeira dose, e sempre en función da dispoñibilidade das mesmas, cando xa se atopaba vacinada dende o día anterior”, denuncia a central.
Dende CIG Saúde A Mariña entenden que este acto “carece de ética e de moral” e amosa “un abuso de poder ao utilizar vacinas destinadas a persoas de primeira liña de risco para protexerse a si mesmas”.
A central reclama “explicacións públicas” ao Sergas e “a demisión” da directiva do Hospital da Mariña, e conclúe apuntando que “curiosamente esta situación xurdiu despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afeara o comportamento das persoas que aproveitaron a súa posición como cargos públicos para vacinarse antes do que lles correspondería segundo criterios médicos”.
AS DIRECTIVAS SON “PERSOAL ASISTENCIAL”
O Xornal da Mariña consultou a fontes do Sergas sobre esta cuestión. A Consellería de Sanidade afirma que “todo o persoal sanitario do Hospital da Mariña está vacinado”, sendo as directivas mencionadas pola CIG “as últimas en vacinarse, unha vez que os demais sanitarios que estaba pautado estaban vacinados”.
Defende o Sergas que estas persoas “ocupáronse da coordinación de toda a vacinación en residencias, donde estiveron presentes coordinando todo o operativo e mesmo realizando valoración clínica dos residentes”, de xeito que “é persoal con contacto directo con enfermos Covid-19 e realizan actividade asistencial”.