O comité de empresa de Alcoa Avilés presentou ante o Ministerio de Traballo alegacións ao ERE de extinción presentado pola multinacional do aluminio para as fábricas avilesina e coruñesa.
Os sindicatos entenden que se está a incumprir a normativa e solicitan o levantamento do expediente de regulamento de emprego ata que non se resolvan as cuestións pendentes, tanto no ámbito administrativo coma no xudicial.
Así, a segunda reunión do período de consultas do ERE, celebrada este martes en Madrid, tampouco deparou negociacións.
O comité de empresa da planta da Coruña mantivo a súa postura, anunciada semanas atrás, de non participar no proceso.
DEMANDA DO COMITÉ EUROPEO
Un tribunal de Rotterdam acollerá o luns 19 de novembro unha vista pola demanda interposta contra Alcoa polo comité de empresa europeo da multinacional do aluminio.
Na convocatoria, prevista para as 9.00 horas e á que acudirán representantes legais de Alcoa, o avogado do comité europeo exporá ante a Xustiza holandesa os motivos polos que os sindicatos demandaron á empresa estadounidense.
As centrais consideran que “Alcoa transmitiunos un feito, non unha intención”, e por iso “incumpriu o período de consultas preceptivo, que establece a normativa”, sinala o presidente do comité europeo, José Luis Combarro.
O sindicalista insta á empresa a que “retire o ERE” e abra “vías de diálogo” para atopar unha alternativa ao peche das fábricas de Avilés e A Coruña.