Os servizos de Xestión Territorial da Deputación de Lugo traballan no arranxo da estrada LU-P-6306, en Alfoz, na parroquia do Pereiro, que fica cortada tras producirse onte un afundimento na beira da calzada á altura do quilómetro 2. “As intensas chuvias das últimas horas puideron causar este incidente segundo as primeiras avaliacións técnicas”, asegura o goberno provincial.
A institución provincial mantén cortada esta estrada, que une Alfoz na súa parte máis montañosa coa parroquia do Cadramón, no Valadouro. Os operativos sinalizaron o lugar e comezarán coa reposición da drenaxe da estrada para despois renovar o firme neste punto.
A previsión é “que esta semana se poida restablecer de novo ao tráfico, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables e faciliten o correcto desenvolvemento das actuacións. O obxectivo é garantir a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía provincial e causarlles o menor prexuízo posible”, expón o executivo provincial.