O BNG e mailo PSdeG de Riotorto criticaron no pasado pleno a aprobación da ordenanza de actividades forestais promovida polo Concello. A normativa saíu adiante co voto a favor do goberno do Partido Popular, a abstención dos socialistas e a oposición dos nacionalistas.
A ordenanza, que establece unha taxa de 0,60 euros por tonelada de madeira extraída, fará que “sexan os veciños e veciñas, pequenos propietarios dos montes, os que acaben pagando ese gravame xa que as empresas repercutirana inmediatamente no prezo que ofrezan pola madeira”, explicou o concelleiro nacionalista, Luís Fernández, que apoiou as alegacións presentadas á normativa por colectivos veciñais.
Fernández lembrou que o concello xa contaba cunha normativa que establece o depósito dunha fianza á empresa que vaia realizar a tala. Se non se producen danos, a fianza devólvese á madeireira. “O goberno municipal debería centrar os seus esforzos en facer cumprir a normativa vixente, poñendo o persoal e os medios necesarios para facer un seguimento do estado das vías que se utilizan para retirar a madeira. A taxa de 0,60 euros non evitará os estragos nas vías, ao contrario, normaliza que se produzan e traslada o seu custo aos pequenos propietarios, que verán como a súa madeira vale menos”, estimou.
OPOSICIÓN DE COLECTIVOS VECIÑAIS
Segundo as estimacións dos colectivos veciñais que se opoñen á normativa, as perdas para os propietarios e propietarias serán duns 300 euros por hectárea.
O grupo socialista de Riotorto, pola súa banda, considerou que “os únicos prexudicados por estas taxas que impón o Concello de Riotorto son as veciñas e veciños así como os pequenos propietarios dos montes da nosa comarca e da nosa vila, eles son os que ao final van acabar pagando esa taxas xa que as empresa da madeira van facelas repercutir no prezo da madeira”, advertiu o socialista, facendo fincapé en que “o equipo de goberno do PP pretende recadar 36.000 euros“.
O voceiro do PSdeG, José García, lembrou ademais que tanto ás asociacións de veciños de Santa Comba de Órrea de Riotorto, e os do Monte Candedo de Pastoriza presentaron alegacións a esta ordenanza, que foron rexeitadas polo PP.
O BLOQUE PROPUXO REHABILITAR A ANTIGA ESCOLA DE COUREL CON CARGO AO PLAN ÚNICO
Ademais, o BNG reclamou arranxos en diversas estradas das parroquias de Órrea e Santa Marta no pleno celebrado este venres.
En concreto, a formación nacionalista solicitou que se leven a cabo traballos de asfaltado e limpeza de cunetas na estrada LU-P-3003 que vai desde Courel ata a N-640, usada a diario por veciños e veciñas de Órrea e Galegos.
Tamén demandou melloras no firme de tres vías municipais de Santa Marta: a pista que vai desde Chacín ata a estrada provincial, moi deteriorada polos vertidos de augas residuais provocados polas deficiencias de saneamento da zona; a vía que une este núcleo ata o cruce da Moxoeira, polo Pibidal; e a pista que pasa pola Manguela, que dá servizo á captura de auga de Chacín.
Ademais, o BNG reclamou un proxecto de rehabilitación para a antiga escola de Courel que permita recuperar o edificio, agora en estado de abandono, para uso da veciñanza. A formación nacionalista considera urxente reparar o tellado para evitar o derrubamento da construción.
Os nacionalistas propuxeron que as obras sexan incluídas polo goberno local no Plan Único da Deputación de Lugo, que destina ao concello preto de 240.000 para 2021.
O concelleiro nacionalista, Luís Fernández, explicou “que se trata de obras que demandan as asociacións de veciños que deben ser escoitadas para establecer as prioridades de investimento”.
O PSdeG PEDÍA REBAIXAR O IBI UN 0,25%
García defendeu unha iniciativa socialista para reclamar modificar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para reducilo dende o 0,65% actual a un 0,45%, “permitindo así aliviar a carga financeira dos nosos veciños no complicado contexto socioeconómico actual no que nos atopamos. “Pero unha vez máis atopámonos coa intransixencia do PP, que rexeitou esta proposta, alegando que segundo as súas estimación deixarían de ingresar 60.000 euros para as arcas municipais por este concepto, pero que pola contra aforrarían as nosas veciñas e os nosos veciños”, advertiu.
O mesmo ocorreu con outra moción socialista para reclamar ao Concello “incluír no Plan Único da Deputación 2021 o arranxo da pista que vai dende Mundín ata San Pedro. Para o PP non é prioritario arranxar esta vía que da acceso a un cemiterio parroquial”, argumentou García.