IniciosociedadeA construción dunha pista de pádel sobre o campo de fútbol enfronta...

A construción dunha pista de pádel sobre o campo de fútbol enfronta a PP e Concello de Trabada

Os conservadores pedirán o cambio de ubicación do proxecto; o goberno local expón que o terreo de xogo, que custou 502.000 euros, "non cumpre" coas medidas regulamentarias

Publicada o

- Advertisement -

A construción dunha pista de pádel en Trabada causou controversia entre o goberno socialista e o PP local, que anunciou que solicitará a paralización da obra por executarse sobre o campo de fútbol municipal. O Concello sostén que a infraestrutura está en desuso e que non cumpre coas medidas regulamentarias.

O PP de Trabada pediu ao goberno local que “reubique a obra da pista de pádel”. Os conservadores anunciaron que solicitarán formalmente a través do Rexistro do Concello a paralización da obra da pista de pádel no campo de fútbol municipal por parte do goberno local, “propoñendo o seu traslado a outra ubicación máis axeitada sen que supoña a inutilización doutra infraestrutura deportiva”.

O PP TRABADENSE PROPÓN QUE SE FAGA NO RECINTO ESCOLAR

O voceiro popular, José María Fernández, indica que “son moitos os veciños que nos trasladan as súas queixas. É unha reflexión na que todos coinciden: hai moitos sitios no  concello onde ubicar a pista de pádel sen hipotecar o campo de fútbol”, afirma. Fernández sinala, a modo de exemplo, que “nos terreos do recinto escolar hai espazo suficiente para facer varias pistas”. Polo tanto, considera que a decisión do goberno socialista “é absolutamente equivocada. É unha barbaridade, unha aberración inutilizar unha instalación deportiva existente poñéndolle outra enriba”, argumenta.

O popular critica, ademais, “a mala xestión da alcaldesa e o seu equipo que dende que están no goberno non realizaron ningún tipo de tarefa de mantemento ou conservación no campo de fútbol municipal que fora mellorado cun importante investimento na época do goberno popular. No seu momento, actuouse na súa drenaxe e dotouse de vestiarios e gradas. Agora, o goberno local debe manter o campo de fútbol en boas condicións e facer as xestións que sexan necesarias para darlle utilidade”, incide.

A pesar de que a xuízo dos populares “non é prioritario” nestes momentos realizar unha infraestrutura deste tipo, o grupo municipal popular de Trabada “cremos que é positivo contar con novos servizos e infraestruturas no noso concello; pero non compartimos a xestión que está a facer o goberno local das instalacións municipais”, finaliza.

A REXEDORA CENSURA AOS POPULARES POR INVESTIR MEDIO MILLÓN “NUN CAMPO INSERVIBLE”

Pola súa banda, a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, lembra que “este proxecto foi redactado en maio do 2020 e incluído no Plan Único da Deputación, polo que ademais de estar a disposición do PP de Trabada tamén está a disposición dos grupos políticos da corporación provincial e nese proxecto xa se indicaba o emprazamento”.

“Actualmente o espazo no que se sitúa a pista de pádel está ocupado por unha antiga pista deportiva en desuso, onde antigamente se practicaba fútbol afeccionado, porque o campo non cumpre coas medidas regulamentarias“, expón García Bermúdez.

A rexedora trabadense critica que o PP “enterrara 502.000 euros nun campo inservible déronse conta de que non cumpría coas medidas regulamentarias”. Por iso, sostén, “debera caerlles a cara de vergoña pola súa falta de previsión, de planificación e de mala xestión”. Neste sentido, apunta a que “nada máis chegar tivemos que levar a cabo as obras de reparación no muro de contención nas piscinas municipais, por importe de 12.245,91 euros para garantir a seguridade dos usuarios das mesmas”.

“O obxectivo do proxecto é proporcionar ao municipio unha nova instalación deportiva para a práctica dun deporte en auxe como é o pádel. E lembramos que facémolo porque é unha demanda veciñal, e ao mesmo tempo dámoslle utilidade a un espazo que non o tiña. Tamén queremos avanzar que o goberno municipal está traballando en impulsar máis proxectos para este emprazamento”, afirma García Bermúdez.

“Ademais, queremos remarcar que estas instalacións contan con vestiarios e un pequeno local, e ambas dotacións manteranse porque entendemos que son útiles”, engade. Finalmente, emprazou ao PP “a sumarse ao traballo e o esforzo que require a política municipal” e “deixar de criticar proxectos que melloran a calidade de vida da veciñanza”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...