A Diócese de Mondoñedo-Ferrol emitiu este martes un comunicado de prensa no que recomenda a suspensión das procesións de Semana Santa que leven consigo o uso da vía pública, “en orde a evitar a concentración das persoas e garantir a saúde pública”.
Aínda “sabendo que as confrarías penitenciais e irmandades de Semana Santa coidan con esmero as manifestacións públicas da nosa fe neses días”, o bispado, “dada a situación sanitaria actual”, pide respectar “as normas e recomendacións das autoridades sanitarias en calquera actividade alternativa que se poidese organizar durante eses días, contando cos preceptivos permisos administrativos“.
Ademais, Mondoñedo-Ferrol anima a “potenciar a dimensión sociocaritativa das confrarías, axudando aos máis vulnerables a través das entidades da diócese”.
“Animar a todos os membros das confrarías a coidar a participación nas celebracións litúrxicas e nos exercicios de piedade durante a Coresma e a Semana Santa”; e “participar nas celebracións litúrxicas da festividade, tendo en conta en todo momento as disposicións das autoridades sanitarias”, son outras das recomendacións.