O Concello de Barreiros rexistrou unha queixa formal a Telefónica pola “falla de atención técnica ás incidencias postas en coñecemento por parte desta administración” no referente á rotura dun poste de telefonía que quedou desprendido sobre a vía pública.
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, expón que o poste “xa se atopaba en mal estado”, e o pasado sábado, 20 de febreiro, “quedou desprendido sobre a vía pública e provocando un perigo inminete e evidente sobre a mesma”. Esta circunstancia púxose en coñecemento da empresa, ademais de que “outros postes e o propio cableado se viron afectados pola incidencia”.
O luns 22 de febreiro, de acordo co relato da rexedora, “reiterouse tal incidencia por diversos medios e en varias ocasións, xa que ademais do perigo evidente, impide o paso de vehículos de certa altura como camións ou autobuses e, polo tanto, interrumpe as rutas que dan servizo aos centros escolares. Esta nova incidencia, que segundo se nos trasladou debera ser reparada nun máximo de 4 horas, xerou o código INC-0020077525″, concreta Ermida. Ao día seguinte “reiterouse” o problema exposto, sen arranxo ata daquela, e fíxose constar “a necesidade inmediata dunha solución”.
A alcaldesa concreta que “existen así mesmo outras incidencias comunicadas en datas 23 de setembro do 2019, 27 de decembro de 2019 e 28 de maio de 2020 que, pese a que foron visitadas por persoal técnico, non foron realizadas”.
DIFICULTADES PARA A CIRCULACIÓN DE CAMIÓNS OU AUTOBUSES ESCOLARES
Deste xeito, o Concello de Barreiros reclama “a atención inmediata de ditas incidencias e, especialmente a máis recente por supór un impedimento para a circulación por estrada, así como un perigo para a seguridade na vía”, así como “a emisión dun informe sobre responsabilidade na falla de cara á posibilidade de emprender as accións que se consideren oportunas por parte desta administración local”.
Tamén un dossier sobre “o servizo e medios existentes neste termo municipal, incluída a existencia de postes ou cableados inventariados, do seu estado e a reposición inmediata daqueles que estean en mal estado”.
“No tocante á situación recollida na incidencia INC-0020077525, tal e como xa se trasladou
telefónicamente ao servizo de atención no teléfono 981.18.38.00, esta alcaldía dará as ordes precisas para retirar o cableado da vía pública e recuperar o paso rodado nas vías afectadas, non responsabilizándose dos danos que se poidan producir en ditas liñas, ao responder a actuacións de emerxencia derivadas do incumprimento das súas actuacións técnicas no servizo”, conclúe Ermida.