A Comisión Mixta de Xustiza, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), e polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acordou esta mañá solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación do Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña e dúas prazas de maxistrado/a da orde xurisdicional civil en Lugo e Ourense. Deste xeito, Goberno autonómico e TSXG relegan unha vez máis a creación dunha terceira sala en Viveiro, reivindicación dos traballadores e tamén das forzas políticas da corporación viveirense, que é considerada “necesaria” pero que non se prioriza.
Os membros dos Xulgados de Viveiro consideran acreditada a necesidade dunha terceira sala. Nos últimos anos alertaron da elevada pendencia, especialmente no tocante aos asuntos civís. En agosto do 2020, o Consello Xeral do Poder Xudicial alertaba dunha scarga de traballo do 161% por riba do módulo establecido neste eido -isto é, os funcionarios asumen un 61% máis de tarefas das que poden realizar-. En setembro dese mesmo ano, un informe dos propios profesionais alertaba de atrasos “de máis de 30 días”.
Tanto o pleno de Viveiro, a solicitude da alcaldía, como o propio Parlamento galego, a petición do BNG, reclamaron a creación dun terceiro xulgado para o partido xudicial, que atende casos dos municipios do Vicedo, Ourol, o propio concello viveirense, Xove, Cervo, Burela e Foz, isto é, unha poboación cercana aos 45.000 habitantes -isto é, máis do 60% dos residentes na comarca da Mariña-.
CONSIDÉRASE UNHA DOTACIÓN “NECESARIA”, PERO NON PRIORITARIA
Esta petición da Comisión Mixta faise en base á comunicación que o Goberno central remitiu á Xunta de Galicia, onde expón que está prevista a creación na comunidade de tres novas unidades xudiciais correspondentes ao ano 2021.
Xunta e TSXG solicitan “a creación, sen unha orde determinada, dun novo xulgado Mercantil na Coruña, xa que na actualidade os dous existentes asumen unha carga de traballo dun 220% por encima do módulo establecido, segundo os últimos datos facilitados polo propio Ministerio. Ademais, acordouse demandar unha praza máis de maxistrado na Audiencia Provincial de Lugo e outra na de Ourense, en ambos os casos nas seccións civís. Na actualidade, estes órganos, que xa se atopan reforzados con comisións de servizo, asumen unha carga dun 164% e dun 181%, respectivamente, por encima do módulo”, argumentan.
“O pleno da Sala de Goberno do TSXG considerou o pasado venres necesarias, por esta orde, a creación das seguintes unidades: o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña, unha praza máis de maxistrado da orde civil nas Audiencias de Lugo e Ourense, un novo Xulgado do Social en Ferrol, un Xulgado de Primeira Instancia na Coruña e outro en Vigo e unha praza máis de maxistrado da orde penal nas Audiencias Provinciais da Coruña e Pontevedra, así como a posta en marcha de novos xulgados mixtos nas localidades de Viveiro, Vilagarcía, Ribeira e Carballo. Destas unidades, que son as que se consideran necesarias para Galicia, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo e cuxa pendencia é máis elevada”, conclúe.