O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 205, dous máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse sete positivos novos por PCR.
Dos 205 contaxiados, 25 permanecen ingresados (seis deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 19 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (once), o centro hospitalario de Monforte (catro) e o Hospital Público da Mariña, actualmente con catro positivos (un máis).
No histórico da provincia documéntanse 210 defuncións, 11.467 altas e 11.887 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 197.118 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 531 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica, Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada de menos de dez positivos por 100.000 habitantes), Xove (entre 26 e 75), Ribadeo (entre 11 e 25) e Lourenzá (entre 76 e 125) rexistraron algún contaxio nos últimos sete días. O resto dos municipios da Mariña non confirmaron casos neste mesmo prazo dunha semana.