O BNG de Mondoñedo denuncia que os veciños dos lugares de Estelo e Tronceda, na parroquia dos Remedios, levan “sen rede de telefonía fixa e móbil e sen conexión a internet máis de quince días“.
As vivendas destas aldeas arrastran estes problemas desde o temporal do pasado mes de outubro, segundo explican os nacionalistas.
O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, critica que “22 familias están incomunicadas e teñen que saír dos seus núcleos de poboación para poder pedir cita no médico ou falar cos seus familiares”.
A deficiente recepción da televisión, apunta Cabanas, é outro problema que teñen estas aldeas, neste caso “desde hai máis dun ano”.
Así, insta ao goberno municipal a que “faga as xestións necesarias para o restablecemento do servizo”.
RECLAMACIÓNS
Cabanas esixe ao Concello a que contacte coa Xunta de Galicia para que desprace persoal do Instituto Galego de Consumo e atenda e asesore nas tramitacións das reclamacións particulares ante a empresa subministradora.